lunes, 27 de abril de 2009

RUTA DE SENDEIRISMO "CARRACEDO-ANSEÁN"

O vindeiro domingo, día 3 de maio de 2009, a Asociación Cultural Arumes do Corgo vai facer unha ruta de sendeirismo pola variante do camiño francés que sae de Padornelo e chega a Lugo para unir co camiño primitivo de Santiago. Sairemos ás 10:00 h de Carracedo en fronte da antiga casa do concello e faremos unha ofrenda floral ao busto do homenaxeado no día das letras galegas 2009, D. Ramón Piñeiro. O percorrido é o seguinte:


- Carracedo (fronte a antiga casa do concello).
- Bande.
- Lago.
- Marei.
- Anseán (na antiga rectoral).


O percorrido ten unha distancia de 11,5 km, cunha dificultade baixa (non hai desniveis pronunciados) que faremos en 3 horas (tendo en conta algunha parada para admirar o fermoso patrimonio de Láncara-O Corgo). Culminaremos a xornada cun xantar de confraternización na casa rectoral de Anseán (local social dos veciños situado detrás da igrexa) a base de pinchos (empanada, lacón, embutido...).


SE QUERES PARTICIPAR NA RUTA E/OU NO XANTAR CHAMA PARA RESERVAR SITIO AO 626739390 (Mario).


O PUNTO DE ENCONTRO PARA OS QUE FAGAN A RUTA SERÁ NA POBRA DE SAN XIAO, NO CRUCE DA ESTACIÓN E DA ESTRADA DE LÁNCARA-BARALLA ÁS 9:30 H. PARA OS QUE QUEIRAN XANTAR, ENTRE 13:30 E 14:00 H, NA CASA RECTORAL DE ANSEÁN.

1º TRAMO: CARRACEDO-LAGO

2º TRAMO: LAGO-ANSEÁN


sábado, 25 de abril de 2009

EXCURSIÓN AO MAZO DE SANTA COMBA-O COUREL

O pasado 21 de abril de 2009, 36 socios/as da A.C. Arumes do Corgo participaron no programa "km 0" da Deputación de Lugo que consistiu:

- 9:00 h: Saída do Centro Sociocultural do Corgo.
- 9:45 h: Visita ao Pazo de San Marcos e recepción no salón de plenos.
- 10:30 h: Visita guiada ás instalacións etnográficas do Mazo de Santa Comba (muíño, serradoiro, mazo e pedra de afiar).
- 14:00 h: Xantar na Casa Ferreiro de Seoane do Courel.
- 16:00 h: Ruta de sendeirismo pola Devesa da Rogueira (saída no Alto do Couto e chegada á Aula de Natureza de Moreda).
- 21:30 h: Chegada ao Corgo.



viernes, 10 de abril de 2009

O COUREL (km 0)

O vindeiro 21 de abril de 2009 a Asociación Cultural Arumes do Corgo vai participar no programa "km 0" da Deputación de Lugo. A viaxe, aberta a todos os socios de Arumes, é completamente gratuíta e consta de:

- Recepción no Pazo da Deputación Provincial de Lugo.
- Visita ao mazo de Santa Comba.
- Xantar no Courel.
- Ruta de sendeirismo pola Devesa da Rogueira.

Sairase ás 9:00 h de en fronte do Centro Sociocultural do Corgo (os que queiran poden saír ás 9:40 h para a Deputación Provincial de Lugo). O regreso ao Corgo está previsto para as 21:00-21:30 h.

Recoméndase levar roupa e calzado cómodo para a ruta (durará arredor de 3 horas).

Se estás interesado en participar chama ao 626739390.

MANIFESTO A PROL DO NOSO IDIOMA

Ante a situación anómala e de involucionismo na que se ve inmersa a nosa lingua e a manipulación interesada da realidade que dende certos sectores se quere impoñer, a Asocicación ARUMES de O Corgo, en reunión realizada o día 28 de marzo de 2009 coa asistencia de todos os seus socios/as, abaixo asinantes, manifesta:

1.- O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben gozar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.

2.- A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non gozamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados.

3.- Por iso, resulta realmente preocupante que, con apoio de importantes medios de comunicación, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país. Esta inversión da realidade ten como obxectivo que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.

4.- O verdadeiro problema non está na cooficialidade de idiomas como o galego, senón na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español. Esta actitude si é a negación da convivencia e da igualdade. O proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir nesta lingua. O que compre é respectar a legalidade vixente (Constitución, Estatuto, Lei de Normalización Lingüística e plan Xeral de Normalización Lingüística) e avanzar con cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia.

5.- Correspóndelle ao pobo galego, a través das súas institucións representantivas, e así o fixo xa por unanimidade, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma. Esperamos o compromiso das institucións na defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos. Neste labor contarán sempre co noso apoio.

6.- Alertamos á sociedade galega para non se deixar confundir e instámola a cavilar sobre a verdadeira situación do galego no propio país. Defendemos un dereito humano elemental que nos define, ademais, como pobo diferenciado. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado tanto nas administracións públicas, como na vida social.

En O Corgo a 28 de marzo de 2009.

CLUB DE LECTURA: LIMPEZA DE SANGUE DE RUBÉN RUIBAL


Na Asemblea Xeral Ordinaria do 28 de marzo aprobouse a creación dun Club de Lectura no seo da Asociación Cultural Arumes do Corgo. A idea inicial do Club é a lectura individualizada, con posterior encontro co autor, cunha periodicidade semestral.

Inauguramos o Club coa lectura da obra "Limpeza de sangue" do autor "Rubén Ruibal" (editorial Xerais). Rubén, socio da Asociación Cultural Arumes do Corgo, recibiu con esa obra o premio Álvaro Cunqueiro no ano 2005 e o Premio Nacional de Literatura Dramática no 2007.

O encontro co autor (aberto a todos os públicos) realizarase en torno ao verán de 2009 e para a lectura da obra as persoas interesadas poden acollerse ás seguintes opcións:

- Servizo de préstamo da biblioteca da Asociación (só para socios).
- Compra do libro a través da Asociación (pódense conseguir descontos ao mercar máis exemplares).
- Compra do libro de forma individual.

Se estás interesado en participar no Club de Lectura ponte en contacto coa Asociación:

- Teléfonos: 699170169, 616796467 e 669675756.

FUNDACIÓN DO CENTRO DE ESTUDOS DO CORGO


O pasado 28 de marzo de 2009 un grupo de persoas inquedas deciden crer unha asociación cos seguintes datos:

- Nome: Centro de Estudos do Corgo (C.E.C.)
- Data de constitución: sábado, 28 de marzo de 2009
- Correo-e: ocorgo@gmail.com
- Teléfono: 699 170 169
- Enderezo: Antigas Escolas do Corgo s/n; C.P. 27.163 O Corgo (Lugo)

Os seus fins son:

a) Promover diferentes estudos (patrimonio natural, material e inmaterial, arte, lingua e literatura, xeografía e historia, economía, sociedade e educación…) sobre o concello do Corgo.
b) A divulgación dos estudos realizados entre os habitantes do concello.
c) A formación dos/as socios/as e dos/as corgueses/as sobre as áreas de estudo a nivel supralocal.
d) A defensa en xeral da cultura e da lingua de Galiza.

Chamaríase Centro de Estudos do Corgo (C.E.C.) e o seu nacemento traería consigo as seguintes actividades:

a) Recompilación de toda a información posíbel sobre o concello do Corgo nun arquivo/biblioteca (en papel e en formato dixital).
b) Publicación dunha revista anual (por escrito) con artigos sobre O Corgo.
c) Publicación dun sitio web con estudos sobre O Corgo.
d) Realización de cursos, xornadas, conferencias sobre as áreas de estudo para os socios e abertas ao público en xeral.
e) Promoción de bolsas de investigación.

Unha asociación sen ánimo de lucro na que os socios non aportan unha cantidade económica en forma de cota senón coñecemento sobre O Corgo arredor dos seguintes eixes de estudo:

1. Patrimonio natural
· Flora
· Fauna
· Ecosistemas
. Medioambiente
2. Patrimonio material
· Pontes
· Sartegos
· Cruceiros e petos de ánimas
· Pombais
· Muíños e caneiros
· Casas senlleiras e pazos
· Igrexas e capelas
· Castros e mámoas
· Camiños e vías
· Fontes e lavadoiros
· Conxuntos etnográficos
3. Patrimonio inmaterial
· Lendas
· Contos
· Festas
4. Arte
· Artistas e arte (ceramistas, escultores...)
· Oficios tradicionais (ferreiros, oleiros, teceláns, cesteiros...)
5. Lingua e literatura
· O galego do Corgo
· Escritores
· O Corgo na literatura
· Toponimia e microtoponimia
6. Xeografía e historia
· Montes, vales, ríos...
· Xeoloxía
· Historia
· Clima
7. Economía
· Agricultura
· Gandaría (feiras...)
· O monte
· Industria
8. Sociedade e educación
· Paro
· Estrutra familiar
· Poboación
· Educación
· Teleclubs...

ASEMBLEA XERAL ORDINARIA

O pasado sábado, 28 de marzo, ás 19:15 h, celebrouse a Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación Cultural Arumes do Corgo na antiga escola de Gomeán, coa seguinte

ORDE DO DÍA:

1. Lectura das actas das asembleas anteriores e aprobación, se procede.
2. Memoria de actividades da Asociación no último ano.
3. Informe da tesoureira e aprobación das contas do ano 2008.
4. Orzamento para o ano 2009.
5. Proposta, aberta, de actividades para o ano 2009.
6. Fundación do Centro de Estudos do Corgo (C.E.C.).
7. Manifesto en prol da lingua galega e adhesións varias.
8. Establecemento dunha cota familiar.
9. Altas e baixas de socios/as.
10. Comunicados, rogos e preguntas.

RESUMO DAS ÚLTIMAS ACTIVIDADES

A Asociación Cultural Arumes do Corgo celebrou no mes de febreiro o entroido cun cocido de confraternización o luns, 23 de febreiro de 2009, no restaurante "Playa" de Gomeán. Despois decidimos "correr o entroido" por varias das aldeas do Corgo: Alfonxe, Adai, Pedrafita...

Xa en semana santa, o mércores, 8 de abril de 2009 ás 18:00 h no Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia de Lugo realizamos unha visita guiada pola exposición Miradas: Galicia ata 1975. Foi un percorrido pola historia de Galicia a través dos autores que a retrataron: Villamil, Murguía, Lugrís, Picasso, Castelao ou Laxeiro, entre outros.