sábado 6 de febrero de 2010

PRESENTACIÓN DO LIBRO "EL MAESTRO DE ZAÍN"


A Asociación ARUMES DO CORGO, dentro das súas actividades do ano 2009, presentou no Centro Sociocultural o libro de Mª Dolores Seijas Soto “O MESTRE DE ZAÍN”. A presentación estivo precedida por unha conferencia sobre Historia da Educación, a cargo de Xurxo Rodríguez Lozano (Presidente da A.C. ARUMES do Corgo e profesor de Lingua castelá e Lingua galega no CPI RAMÓN PIÑEIRO, de Láncara).

Con este acto, a Asociación quere homenaxear aos mestres galegos represaliados polo franquismo, representados na figura de Luis Soto Menor, protagonista do libro.

O conferenciante comenzou a charla coa seguinte presentación:

É unha enorme satisfacción para a Asociación Cultural Arumes do Corgo a presentación do libro “O mestre de Zaín”, de Mª Dolores Seijas Soto por varios motivos.

En primeiro lugar, porque é unha aportación máis para afondar no longo periodo de represión ao que se viron condenados moitos intelectuais e docentes despois da guerra civil, afrontada dende a perspectiva do paso dos anos, exenta de calquera tipo de revanchismo, pero firme no obxectivo de rescatar do anonimato ao que se viron condenadas as vidas de moitos deses intelectuais, como é, entre outras, a do seu avó LUIS SOTO MENOR.

En segundo lugar, porque Dolores forma parte da nosa Asociación e os estatutos de Arumes márcannos un camiño que é o de facer cultura e país. Polo tanto, é gratificante para nós que os nosos socios participen destes obxectivos. Resulta necesario abordar a nosa historia para aprender dela, poder seguir adiante e gañar o futuro.

En terceiro lugar, a min, como mestre, fillo dun mestre, tócame directamente na historia da miña profesión.

Por iso aceptei de bo grado a tarefa de presentar no Corgo este libro que me foi encomendada pola directiva da Asociación, que non é outra que aproveitar este acto para facer patente a nosa homenaxe particular a aqueles homes e mulleres que creron nunha renovación da educación para transformar a sociedade.

Moitos pagárono coa súa vida, outros co exilio ou co cárcere, e moitos outros, como Luis Soto, co seu fulminante cesamento e co esquecemento social.

Eu non son historiador, pero intentarei centrarme nalgúns momentos da nosa historia que foron importantes para a educación e, nomeadamente, no periodo do primeiro bienio republicano (1931-32) no que podemos encadrar unha importante parte do traballo do protagonista do libro.

Tamén será inevitable entrar no que veu despois de 1936.

Como remate, quero que sexa a autora do libro a que nos desvele por que sentiu a necesidade de escribilo e que foi descubrindo a medida que se centrou na investigación.


A continuación, deu unhas breves pinceladas sobre a educación anterior ao século XVIII para centrarse nos logros conseguidos neste século polas ideas da Ilustración e da Revolución Francesa (A educación como servizo público e os modelos liberal e xacobino).

Abordou despois a lexislación educativa a partir da Constitución de 1812, centrándose na Lei Moyano d 1857 e o intervencionismo eclesiástico na educación determinado polo Concordato de 1851.

Incidiu tamén no movemento pedagógico inspirado pola ESCOLA NOVA e A INSTITUCIÓN LIBRE DE ENSEÑANZA, destacando as figuras de Giner de los Ríos e Concepción Arenal, e establecendo unha comparación entre os principios que marcaban a Escola tradicional e os cambios aportados pola Escola Nova.

Pasou de seguido a analizar a situación do ensino a principios do século XX (Escolas da Igrexa, escolas do Estado, escolas de ferrado, fundacións de emigrantes e sociedades de instrucción pública).

A continuación, centrouse no modelo de Educación da República (1931), sinalando os logros conseguidos nesta época.

Sinalou que foi unha República de intelectuais na que conviviron persoas de diferentes xeracións (Ortega, Azaña, Machado, Lorca…) que consideraron a educación como unha cuestiónde Estado e que imprimiron un cambio radical de métodos no ensino e na formación dos mestres, verdadeiros artífices do cambio).

Sintetizou os principios deste modelo educativo que propugnaba Lorenzo Luzuriaga:

  • Escola única: Universal e reformada en extensión.
  • Escola activa: Reformas metodolóxicas e innovacións didácticas.
  • Escola pública: A cargo do Estado.
  • Escola laica : Á marxe da Igrexa.

Para o conferenciante, o modelo de profesor republicano segue a ser un referente en moitos aspectos na actualidade.

Neste contexto educativo republicano sitou a figura de LUIS SOTO MENOR, intelectual e profesional da educación que chegou a Lugo en 1914 como Inspector Xefe de E. Primaria. Frecuentou a tertulia doMéndez Núñez e foi articulista de xornáis e revistas pedagóxicas, onde asinaba como “o mestre de Zaín”, seudónimo que motivou o título do libro da súa neta Mª Dolores.

Como Inspector, organizou en Lugo varios Congresos pedagóxicos, con asistencia do propio Lorenzo Luzuriaga a un deles, organizou as Colonias Escolares, creou numerosas escolas na provincia e participo unas Misións pedagóxicas da República.

Era de afiliación política radical socialista, foi candidato a Deputado no ano 1933 e participou na redacción do Estatuto de Autonomía de Galiza.

O 31 de agosto de 1936 foi cesado fulminantemente do seu cargo. Pasou polo cárcere e sufriu penurias económicas que o obrigaron a desfacerse de moitas propiedades e mesmo a traballar como vendedor de membrillo e pimentón por distintos lugares da provincia.

Morreu en 1964 (uns meses antes foi restituido no seu cargo). A súa foi unha vida dura, separado do seu traballo e marcado socialmente durante moitos anos. Pero foi un home fiel ás súas ideas, ás que non renunciou nunca.

O Presidente de Arumes rematou a conferencia destacando os aspectos máis duros da represión franquista contra os mestres (encarcerados, exiliados, depurados, fusilados como Arximiro Rico, condenados ao exilio interior…) e facendo referencia ao famoso debuxo de Castelao (A derradeira lección do mestre).

Despois de comentar os aspectos máis significativos da escola da ditadura franquista pasoulle a palabra a Mª Dolores Seijas Soto, quen explicou as razóns que a levaron a escribir o libro, que resumiu na terrible inxustiza cometida co seu avó ao facerlle vivir unha vida apartada da súa profesión e a condena social a que se viu sometido. Con todo, lembrou o agradecemento de moitas persoas nos tempos difíciles a Luis Soto, coñecedores do traballo que tiña realizado pola educación na provincia.

Tamén explicou que polo libro pasan moitas anécdotas e personaxes lucenses da época.

A continuación, firmou exemplares do seu libro aos asistentes que o solicitaron.

miércoles 20 de enero de 2010

ARUMES CONTRA O DECRETAZO DO GALEGO

A Asociación Cultural Arumes do Corgo como entidade membro da Plataforma QUEREMOS GALEGO anima aos seus socios (alumnos/as, pais, nais e profesores/as) a participar na folga do 21 de xaneiro contra o famoso "Decretazo contra o galego".

Dende ARUMES subscribimos totalmente as actividades que está a levar adiante a plataforma QUEREMOS GALEGO ante a maior agresión recibida polo noso idioma na historia da Democracia e animamos aos socios a participar activamente nos actos que a devandita plataforma organice na defensa do máis prezado ben deste pais.

A XUNTA DIRECTIVA

viernes 18 de diciembre de 2009

RESOLUCIÓN DO CERTAME LITERARIO

A día 17 de decembro fallaronse os premios da III edición do Certame Literario "Terras de Chamoso".

- Ver acta do xurado.

O día 26 de decembro (sábado) celebrarase o acto de entrega de premios ás 21:00 h no Centro Sociocultural do Corgo con música e baile galego a cargo da A.C. Legua Dereita do Corgo, recital das poesías gañadoras e espectáculo de contacontos a cargo de Santi Prego.

- Ver cartel.

Se non sabes como chegar ao Centro Sociocultural preme no seguinte enlace:

- Ver mapa.

sábado 28 de noviembre de 2009

CREACIÓN DO CLUB DE ATLETISMO ARUMES-AREA 10

A Asociación Cultural Arumes do Corgo e a Escola Clube Área 10 van a colaborar nun novo proxecto deportivo para o concello do Corgo. Trátase como non, dun club de atletismo que nace baixo o paraugas da A. C. Arumes do Corgo, única entidade do concello que ata o de agora traballou no campo do atletismo coa organización da I Carreira Popular ARUMES do Corgo, e tamén da E. C. Área 10, unha asociación de recente creación que naceu no 2009 co fin de introducir as ganas polo deporte entre os nenos en período escolar sen esquecer a xente adulta. Un novo proxecto apaixoante que abre unha nova vía no campo deportivo do noso concello.



http://arumesarea10.blogspot.com/

arumesarea10@gmail.com

A XUNTA DIRECTIVA

ENTREGA DE PREMIOS DO III CERTAME LITERARIO “TERRAS DE CHAMOSO”

Como xa sabedes (publicamos hai uns meses as bases do certame por correo), o venres, 27 de novembro de 2009, remata o prazo para entregar as obras ao III Certame literario “Terras de Chamoso” en calquera das súas categorías (infantil, xuvenil e adultos) e modalidades (poesía e relato curto). A partires dese momento os membros do xurado terán a difícil tarefa de escoller os premiados de entre unha agardada alta participación. O Certame Literario concluirá co acto de entrega de premios que será o sábado, 26 de decembro de 2009, ás 21:00 h no Centro Sociocultural do Corgo. Nel entregaranse os premios aos gañadores, haberá un recital poético e moitas, moitas sorpresas ao longo da noite. Contamos coa túa presenza!!!

HOMENAXE AOS PROFESORES REPRESALIADOS POLO FRANQUISMO. PRESENTACIÓN DO LIBRO “EL MAESTRO DE ZAÍN” DE DOLORES SEIJAS SOTO (SÁBADO, 19 DE DECEMBRO DE 20

Os mestres de primaria e os profesores de secundaria xogaron sempre un papel moi importante como transmisores dos idearios da igualdade, da solidariedade, da paz… como engrenaxes vitais das nosas vidas. Dende a A.C. Arumes do Corgo parécenos moi importante o lavado da imaxe de moitos dos profesores que se opuxeron ao réxime e que se viron represaliados despois da Guerra Civil Española.

Nese contexto, faremos a presentación de “El maestro de Zaín”, homenaxe a unha das figuras máis importantes do magisterio lucense, Luis Soto Menor, que sufríu nas súas carnes a vinganza da posguerra. O acto de recuperación da memoria histórica e a presentación do libro levaranse a cabo no Centro Sociocultural do Corgo, ás 19:00 h.

CLUB DE LECTURA

Dado o gran éxito do Club de lectura do primeiro semestre, a A.C. Arumes do Corgo enfronta con gran ilusión esta segunda edición. O libro escollido é “Cando petan na porta pola noite” de Xabier P. Docampo (Premio Nacional de Literatura Infantil). Se está interesado en participar póñase en contacto coa Asociación co fin de adquirir o libro ou empregar o servizo de préstamo da Asociación. O encontro co autor será o sábado, 12 de decembro de 2009 ás 19:00 h, no Centro Sociocultural do Corgo, co fin de que preguntedes ao autor todo o que vos pareza interesante tanto do libro, como da enorme obra literaria como da súa vida como literato.