domingo, 20 de marzo de 2011

ENCONTRO CON PACO MARTÍN

O venres, 18 de marzo de 2011, celebrouse no centro sociocultural do Corgo, ás 22:00 h, o encontro co escritor Paco Martín, autor de "Das cousas de Ramón Lamote" e "Das novas cousas de Ramón Lamote". O IV encontro co autor do Club de lectura da A.C. Arumes do Corgo desenvolveuse con gran éxito de asistencia (preto dunha trintena de lectores).

A xornada, que dirixiu Roberto Rodríguez Páramo (vocal de Arumes), constou dunha presentación biográfica do autor, a presentación da obra elixida, unha pequena entrevista, para posteriormente abrir o acto aos asistentes que participaron masivamente con preguntas relativas á obra protagonizada por Ramón Lamote e á vida do Premio Nacional de Literatura, Paco Martín.


O encontro, que se demorou dúas horas, rematou coa sinatura de exemplares e a entrega dun agasallo de cerámica, realizada polo noso querido Lolo de Anseán.

CONCERTO DE SOLO VOCES

O sábado, día 12 de marzo celebrouse na Igrexa Parroquial do Corgo un concerto de música coral a cargo de Solo Voces baixo o lema de "Dous séculos de música lucense". O acto, organizado pola A.C. Arumes do Corgo e baixo a colaboración económica da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo contou cunha importante participación veciñal, enchéndose a igrexa. Durante hora e media o grupo coral lucense interpretou pezas de músicos estreitamente vinculados coa nosa provincia como Xoán Montes, Pascual Veiga, J.A. Moreno Fuentes...


A continuación os asistentes puideron gozar duns pinchos no centro sociocultural.

jueves, 10 de marzo de 2011

CLUB DE LECTURA: ENCONTRO CO AUTOR DE "DAS COUSAS DE RAMÓN LAMOTE", PACO MARTÍN

A Asociación Cultural Arumes do Corgo, despois do éxito dos tres primeiros libros do club de lectura:
  • "Limpeza de sangue" de Rubén Ruibal (Premio Álvaro Cunqueiro no 2005 e Nacional de Literatura no 2007): agosto de 2009.
  • "Cando petan na porta pola noite" de Xabier P. Docampo (Premio Nacional de Literatura no 1995): decembro de 2009.
  • "Ás de bolboreta" de Rosa Aneiros (Premio Fundación Caixa Galicia no 2009 e The Withe Ravens no 2010): xuño de 2010.
afronta con gran ilusión esta cuarta etapa do mesmo. Nesta ocasión o libro escollido é "Das cousas de Ramón Lamote" (1985) do lucense Paco Martín co que obtivo o Premio Nacional de literatura infantil en 1986 e unha mención na lista de The Withe Ravens. Dun xeito opcional os socios tamén teñen a oportunidade de ler e comentar o libro "Das novas cousas de Ramón Lamote" (2010), por ser unha continuación do primeiro.


O Club de lectura de Arumes comezou a funcionar a comezos de 2009 coa intención de dar lectura a un libro cada semestre (e así fomentar o consumo de literatura galega entre a poboación do Corgo e dos concellos limítrofes). A Asociación posúe un servizo de préstamo bibliotecario para os socios interesados e o encontro coa autor levarase a cabo o VENRES, 18 DE MARZO DE 2011, no Centro Sociocultural do Corgo ás 20:00 h. Ese día todas as persoas interesadas terán a oportunidade de coñecer a faceta máis persoal e profesional de Paco Martín.

Nacido en Recatelo (Lugo) no 1940, Paco Martín exerceu de mestre de educación primaria durante catro décadas ata a súa xubilación no 2000. Do que nunca se retirou foi do mundo das letras converténdose nun dos máis grandes escritores da literatura infantil e xuvenil galega. Paco Martín tamén destacou no mundo da etnografía con diversas publicacións, así como a súa faceta de columnista en varios xornais galegos. Recibiu tamén os premios "O Barco de Vapor" no 1984 e o "Puro Cora" de xornalismo no 1994.

XANTAR DE ENTROIDO

O sábado, 5 de marzo de 2011, a Asociación Cultural Arumes do Corgo celebrou o típico cocido de entroido no restaurante Madrid do Corgo. Preto de 40 persoas (socios e achegados) puideron degustar os manxares típicos de entroido butelo, cachola, grelos, chourizo... e por suposto as orellas do porco e as orellas doces de sobremesa.


ASEMBLEA XERAL ORDINARIA

O sábado, 5 de marzo de 2011, ás 12:30 h celebrouse na antiga escola de Gomeán a Asemblea Xeral Ordinaria da A.C. Arumes do Corgo. A orde do día foi a seguinte:
  1. Lectura da acta da Asemblea Xeral anterior e aprobación, se procede.
  2. Memoria de actividades do ano 2010.
  3. Informe do tesoureiro e aprobación das contas do ano 2010.
  4. Proposta, aberta, de actividades para o ano 2011.
  5. Orzamento para o ano 2011.
  6. Altas e baixas de socios/as.
  7. Comunicados, rogos e preguntas.

CONCERTO DO GRUPO VOCAL “SOLO VOCES”

A Asociación Cultural Arumes do Corgo organiza para o vindeiro sábado, 12 de marzo de 2011, na Igrexa Parroquial de San Xoán do Corgo, ás 20:00 h o concerto do grupo vocal lucense “Solo Voces” co título de “Dous séculos de música lucense”. Baixo a dirección de Fernando G. Jácome e co apoio económico da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, a coral lucense interpretará pezas de Xoán Montes, Pascual Veiga, J.A. Moreno Fuentes entre outros (ver díptico). O CONCERTO É GRATUÍTO E ABERTO A TODO O PÚBLICO INTERESADO.

Preme aquí para ver o programa

Prema aquí para ver unha imaxe de situación da igrexa do Corgo

sábado, 8 de enero de 2011

MIRADAS. "REALIDADES, EXPRESIÓNS, TRAMAS"

Dá comezo a terceira mostra do proxecto expositivo ‘Miradas’ na cidade lucense, baixo o título “Realidades, expresións, tramas”. A destacada comisaria Iria Candela proponnos unha nova mirada á arte galega contemporánea que se inclúe nos fondos da Colección Caixa Galicia, revisando con ela unha ampla escolma de obras das tres últimas décadas, imprescindibles na devandita colección e no eido da arte galega. Artistas xenuínos do noso territorio reúnense na mostra que a Asociación Cultural Arumes do Corgo visitará con guía o martes, 11 de xaneiro de 2011, no Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia de Lugo (fondo da praza maior), ás 20:00 h da noite.

CONTAMOS CONTIGO! SÓ TES QUE ESTAR ANTES DAS 20:00 H DIANTE DA PORTA PRINCIPAL DO EDIFICIO DA FUNDACIÓN CAIXA GALICIA DO FONDO DA PRAZA MAIOR!