viernes, 27 de mayo de 2011

ENCONTRO DE ASOCIACIÓNS

O sábado, día 18 de xuño de 2011, celebrarase o IV encontro de asociacións culturais galegas no que participan A.C. de Amigos do Patrimonio de Castroverde, A.C. Arcas de Sarria, Agrupación Instructiva de Redes-Caamouco, exercendo a A.C. Arumes do Corgo de entidade anfitriona. O programa da xornada é o seguinte:

8:45 h Saída do autobús da A.C. Arumes do Corgo dende o campo da feira de Adai.

9:15 h Recepción das asociacións participantes no aparcadoiro da Casa Grande de Nadela.

9:30 h Comezo da ruta de sendeirismo de 12 km pola ribeira do Río Miño sendo os puntos de maior interese os seguintes: Insua de Burneiros e caneiro para a pesca, desembocadura do río Chamoso, ponte e muíño da Foz, muíño e fraga da Fervenza e desembocadura do río Neira. Comentarios explicativos a pé de ruta.

14:00 h Visita á Ponte de Neira.

14:30 h Xantar de confraternización no local social de Cela: polbo á feira, churrasco de tenreira, bebida, postre e café. Prezo aproximado: 17 €.

16:30 h Visita aos monumentos máis senlleiros do Corgo: O Castrillón, Casas Grandes do Corgo e Adai.

18:00 h Actuación de Cándido Pazó co espectáculo “Cunqueiradas”.

19:00 h Actuación de música e baile tradicional a cargo da A.C. A Legua Dereita.

19:30 h Despedida.


Se está interesado en participar na xornada chame ao 626739390 antes do día 13 de xuño.

PRESENTACIÓN DO LIBRO RECOMPILATORIO "TERRAS DE CHAMOSO"

Presentación do libro recompilatorio das tres primeiras edicións do Certame Literario “Terras de Chamoso” o xoves, día 9 de xuño de 2011, ás 21:00 h no Centro Sociocultural do Corgo. Agasallaremos cun exemplar a todos os asistentes.



PRESENTACIÓN DO 2º NÚMERO DA REVISTA CORGA

O luns, día 6 de xuño de 2011, o Centro de Estudos do Corgo (CEC), en colaboración coa A.C. Arumes do Corgo, realizará a presentación do número 2 da revista Corga na Galería Sargadelos de Lugo (sita na praza de Santo Domingo nº 4) ás 20:00 h. Animámoste a asistir así como que convides aos teus achegados.

V LIBRO DO CLUB DE LECTURA

O autor escollido para esta quinta edición do club de lectura é o lucense Antonio Reigosa co libro “Memorias dun raposo” da Ed. Galaxia (144 pax., prezo: 9 €).

Os socios interesados poden adquirilo eles mesmos nas librarías, encargalos mediante a asociación ou pedilos prestados da biblioteca (ambalas dúas cousas no teléfono 626739390).

O encontro co autor levarase a cabo a finais do verán nunha data por concretar.

miércoles, 30 de marzo de 2011

COÑECEMOS O CORGO IV

O sábado, 16 de abril de 2011, celebrarase o cuarto ciclo de conferencias arredor do concello do Corgo no Centro Sociocultural do Corgo ás 20:00 h. Nesta ocasión os relatorios serán:

  • Xosé Manuel CASTRO CASTEDO: “O galego en Queizán. Vocalismo, consonantismo e fonética sintáctica”.
  • Jesús ABUÍN ARIAS e Josefa GONZÁLEZ DÍAZ: “O pazo do corgo”.
  • José Luis GARROSA GUDE: “O traballo compilador de Francisco Vázquez Saco: as oracións de elaboración do pan e outras tradicións orais do Corgo”.
  • Mario OUTEIRO IGLESIAS: “Recollida do patrimonio inmaterial no Corgo: unha materia pendente”.

domingo, 20 de marzo de 2011

COÑECEMOS O CORGO III

O sábado, 2 de abril de 2011, o Centro de Estudos do Corgo coa colaboración de Arumes, organiza o terceiro ciclo de conferencias arredor do concello do Corgo no Centro Sociocultural do Corgo ás 20:00 h. En quendas de 15-20 minutos os temas a tratar son:

  • Javier GÓMEZ VILA: “O camiño real de acceso a Galicia e a súa pegada nas Terras do Corgo”.
  • Juan ORTIZ SANZ e Miguel Ángel PIÑEIRO GÓMEZ: “Catalogación de construcións rurais tradicionais. Os hórreos no concello do Corgo”.
  • José Manuel BLANCO PRADO: “O santuario da Virxe das Virtudes (Pedrafita)”.
Con esta exposición, e todo o traballo previo, os relatores poderán acadar a condición de Socio Numerario do Centro de Estudos do Corgo.

Ver páxina web do Centro de Estudos do Corgo.

ENCONTRO CON PACO MARTÍN

O venres, 18 de marzo de 2011, celebrouse no centro sociocultural do Corgo, ás 22:00 h, o encontro co escritor Paco Martín, autor de "Das cousas de Ramón Lamote" e "Das novas cousas de Ramón Lamote". O IV encontro co autor do Club de lectura da A.C. Arumes do Corgo desenvolveuse con gran éxito de asistencia (preto dunha trintena de lectores).

A xornada, que dirixiu Roberto Rodríguez Páramo (vocal de Arumes), constou dunha presentación biográfica do autor, a presentación da obra elixida, unha pequena entrevista, para posteriormente abrir o acto aos asistentes que participaron masivamente con preguntas relativas á obra protagonizada por Ramón Lamote e á vida do Premio Nacional de Literatura, Paco Martín.


O encontro, que se demorou dúas horas, rematou coa sinatura de exemplares e a entrega dun agasallo de cerámica, realizada polo noso querido Lolo de Anseán.