jueves, 7 de marzo de 2013

PRÓXIMAS ACTIVIDADES DA A.C. ARUMES DO CORGO

- Club de lectura. O autor escollido para esta ocasión é: Xosé Manuel Carballo Ferreiro. Libro: Don Otto de viaxe pola Chaira. O encontro co autor será mañá venres 8 de Marzo, ás 8 da tarde, na casa das Asociacións do Corgo, no edificio de Correos.


- Excursión a Burgos e Palencia. Sábado e Domingo (23 e 24 de marzo)

Prezo: 105€ socios (inclúe: autobús, comida, cea e aloxamento do sábado, almorzo e comida do domingo, guía, e seguro de viaxe. Non inclúe entradas aos monumentos) - 110€ non socios (sempre que queden vacantes).

Prazo máximo para apuntarse e pagar: 12 de marzo.

(Só se realizará esta excursión se acadamos un mínimo de 40 persoas).


- Ruta de sendeirismo: Sobrado-Caxigal-Franqueán: Domingo 21 de abril.

Distancia circuíto: 12 km.

Percorrido: Comenzamos en Sobrado do Picato, polos limites dos concellos de Baralla, Castroverde e o Corgo, Caxigal ( punto máis alto do noso concello), Férveda e Franqueán.

Dispoñemos dun local habilitado en Franqueán para poder petiscar (para aquelas persoas que o consideren pola súa conta).

Agardamos a vosa participación.

miércoles, 6 de febrero de 2013

GAÑADORES DO VI CERTAME LITERARIO TERRAS DE CHAMOSO

O pasado 22 de Decembro tivo lugar no centro sociocultural do Corgo a entrega de premios do VI Certame Literario Terras de Chamoso. Como vén sendo habitual, abriu musicalmente o acto a Asociación Cultural A Legua Dereita do Corgo, que nos amosou un petisco do seu repertorio de música tradicional galega.

Unha vez rematada a súa actuación, procedeuse á entrega de premios aos gañadores desta edición do certame, elixidos por un xurado composto este ano por D. Xurxo Xosé Rodríguez Lozano, D. Xosé Manuel Castro Castedo, D. Xan Ramiro Cuba Rodriguez, Dna. Mª do Pilar Campo Dominguez e Dna. Mª Esperanza Fernández Camiña. Vaia dende aquí o noso agradecemento para eles pola súa colaboración. Os agasallados foron os seguintes:

CATEGORÍA: INFANTIL
Modalidade: poesía
1º premio: Lara Domínguez Chantres de Baleira, pola obra “As nubes máxicas”.
2º premio: Carla Castedo Pereira, de Francelos- Barredo ( Castroverde), pola obra “O outono”.
Modalidade: relato
1º premio: Alicia García Cabaleiro, de Laxes (O Corgo), pola obra “Linda: A tola feliz .
2º premio: Catarina Castro Sas, de Lugo, pola obra “A viaxe de Monshair”.
CATEGORÍA: XUVENIL
Modalidade: poesía
1º premio: Deserto.
2º premio: Cristina Pernas Pereiro, de Paradela (O Corgo), pola obra “A mentira do amor sen verdade”.
Modalidade: relato
1º premio: Lucia González Campos, de Montecubeiro (Castroverde) pola obra “A voz da vinganza”.
2º premio: Patricia Fulias Guzmán, de San Paio Castroverde, pola obra “Contando estrelas entre catro paredes”.
CATEGORÍA: ADULTOS
Modalidade: poesía
1º premio: Javier Rodríguez González, de Ourense, pola obra “Homenaxe”.
2º premio: Eva de la Torre Conde, de Lugo, pola obra “Nadas de nobre estirpe”
Modalidade: relato
1º premio: Marcelino Sisto Deibe, de Ferrol, pola obra “ Mariñeira”
2º premio:Tito Pérez Pérez, de A Coruña, pola obra “O Conto do esquío e da martaraña”

Unha vez recollidos os seus premios, que constaban dun lote de libros e unha peza de cerámica realizada polo pretixioso ceramista corgués Manuel Fernández, Lolo de Anseán, os gañadores da categoría poesía recitaron as súas obras para todos os asistentes.

Xa para rematar o acto, contamos coa presenza da contacontos Isabel Risco, á que podemos ver na fotografía durante o seu espectáculo.




miércoles, 12 de diciembre de 2012

ENTREGA DE PREMIOS DO VI CERTAME LITERARIO TERRAS DE CHAMOSO

O vindeiro sábado 22 de Decembro terá lugar, como todos os anos polas datas de Nadal, a entrega de premios da VI edición do Certame literario Terras de Chamoso, organizado pola A.C. Arumes do Corgo.

O acto será ás 20.00 horas no Centro Sociocultural do Corgo, co seguinte programa:

- Apertura musical a cargo de Asociación Cultural A Legua Dereita.
- Entrega de premios do Certame Literario.
- Recital das poesías gañadoras.
- Actuación da contacontos Isabel Risco.

Con esta actividade pechamos o ano 2012. Agardamos que as actividades que se realizaron este ano foran do seu agrado, moitas grazas por participar e ata o ano que vén, no que agardamos contar de novo vez coa súa presenza.

COVA DE VALPORQUERO E CLUB DE LECTURA

O pasado domingo 11 de Novembro, un numeroso grupo de socios da A.C. Arumes do Corgo visitou as veciñas terras leonesas para disfrutar dunha marabilla natural como son as Covas de Valporquero, situadas en Valporquero de Torío, concello de Vegacervera.

A entrada a esta cova sitúase a 1300 metros de altitude, estando esta baixo a localidade que lle dá nome. Conta cun percorrido visitable de 1300 metros de lonxitude ao longo de seis salas que van gañando en complexidade e beleza, contando con diversas formacións xeolóxicas típicas deste tipo de covas.

Xa pola tarde, os membros da A.C. Arumes do Corgo trasladáronse a Vegacervera para asistir á XXII Feira da Cecina de Chivo.


Outra das actividades realizadas recentemente pola A.C. Arumes do Corgo foi unha nova edición do club de lectura, contando desta vez coa presenza da escritora Marica Campo. O 16 de Novembro na Casa das Asociacións do Corgo os socios tiveron a ocasión de compartir conversa coa autora acerca da obra escollida, Confusión e morte de María Balteira, obra na que a narradora do Incio se adentra no mundo das lendas e do imaxinario popular a través de varios relatos.


jueves, 1 de noviembre de 2012

VI CERTAME LITERARIO "TERRAS DE CHAMOSO"

Por sexto ano consecutivo a Asociación Cultural Arumes do Corgo, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, quere premiar a todos os autores que expresen no papel os seus sentimentos empregando como ferramenta a lingua do país. Unha iniciativa pioneira no Corgo e nos concellos da contorna que debido á alta participación, á calidade dos traballos e á valía do xurado estase a converter nun certame literario recoñecido a nivel galego. As bases do certame son as seguintes:

1. Temática e idioma: A organización do certame non quere limitar a imaxinación dos autores. A única norma é que a obra se redacte en LINGUA GALEGA.
2. Categorías:
- CATEGORÍA INFANTIL (dos 10 aos 14 anos).
- CATEGORÍA XUVENIL (dos 14 aos 18 anos).
- CATEGORÍA ADULTOS (maiores de 18 anos).
3. Modalidades:
- POESÍA (de 30 a 60 versos).
- RELATO CURTO (de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo).
NOTA: A categoría infantil non ten límite de espazo inferior, pero si superior.
4. Presentación: cada participante poderá presentar varios traballos (non premiados noutros certames literarios). Entregaranse mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando a categoría, modalidade, título e pseudónimo e achegando nun sobre pechado a información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto. Remitiránse ao seguinte enderezo: A. C. Arumes do Corgo. Antigas escolas do Corgo s/n, 27.163 O Corgo (Lugo).
5. Prazo: o prazo de entrega rematará o día 15 de novembro de 2012.
6. Premios: para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º premio de poesía, e tamén 1º e 2º premio de relato.
Cada premio consiste nunha figuriña de cerámica do país, un lote de libros e o correspondente diploma.
7. Xurado: estará composto por membros da Xunta Directiva da Asociación, profesores de lingua galega e por profesionais de recoñecido prestixio do mundo das letras.
8. Entrega de premios: a cerimonia de entrega de premios realizarase o sábado, día 22 de decembro de 2012 no centro sociocultural do concello do Corgo acompañada de actuacións e de varias sorpresas.
9. Non premiados: Os traballos non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas no prazo dun mes despois do fallo, se os/as autores/as non o solicitan.
10. Outros: A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes. A Asociación Cultural Arumes resérvase todos os dereitos de publicación das obras premiadas (en papel, CD ou mediante internet).

Para calquera dúbida relacionada co certame literario chamar ao número de teléfono: 626739390.

Trofeos Carreira Popular Arumes do Corgo

O pasado sábado 27 de outubro celebrouse, con semellante éxito ás súas edicións previas, a IV Carreira Popular Pedestre Arumes do Corgo.
Vaia dende aquí o noso agradecemento aos participantes, agardamos contar convosco en próximas edicións.
Durante a entrega de trofeos aos gañadores houbo certo número de campións que non recolleron o seu trofeo ou a súa medalla. Foron os seguintes:

TERESA GARCÍA RODRÍGUEZ

HUGO DE LA VEGA LÓPEZ

JAIME VILA

MARY E. ORECHIA

LAURA EIROS LÓPEZ

Se están interesados en recoller o seu recoñecemento como campións, poden poñerse en contacto cos membros da A.C. Arumes do Corgo nos seguintes teléfonos: 699170169 e 616796467.

martes, 16 de octubre de 2012

IV CARREIRA POPULAR "ARUMES DO CORGO"

Despois do éxito das tres primeiras edicións, o 27 de outubro de 2012 (sábado) celebrarase pola mañá, no concello do Corgo (en fronte do CEIP do Corgo) a cuarta carreira popular pedestre "ARUMES DO CORGO".



- Limiar