miércoles, 23 de septiembre de 2009

III Certame Literario "Terras de Chamoso"

Por terceiro ano consecutivo a Asociación Cultural Arumes do Corgo, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, quere premiar a todos os autoras que expresan no papel os seus sentimentos empregando como ferramenta a lingua do país. Unha iniciativa pioneira no Corgo e nos concellos da contorna que debido á alta participación, á calidade dos traballos e á valía do xurado estase a converter nun certame literario recoñecido a nivel galego.As bases do certame son as seguintes:

1. Temática e idioma: A organización do certame non quere limitar a imaxinación dos autores. A única norma é que a obra se redacte en LINGUA GALEGA.
2. Categorías:
- CATEGORÍA INFANTIL (dos 10 aos 14 anos).
- CATEGORÍA XUVENIL (dos 14 aos 18 anos).
- CATEGORÍA ADULTOS (maiores de 18 anos).
3. Modalidades:
- POESÍA (de 30 a 60 versos).
- RELATO CURTO (de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo).
NOTA: A categoría infantil non ten límite de espazo inferior, pero si superior.
4. Presentación: cada participante poderá presentar varios traballos (non premiados noutros certames literarios). Entregaranse mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando a categoría, modalidade, título e pseudónimo e achegando nun sobre pechado a información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto. Remitiránse ao seguinte enderezo: A. C. Arumes do Corgo. Antigas escolas do Corgo s/n, 27.163 O Corgo (Lugo).
5. Prazo: o prazo de entrega rematará o día 27 de novembro de 2009.
6. Premios: para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º premio de poesía, e tamén 1º e 2º premio de relato.
Cada premio consiste nunha figuriña de cerámica do país, un lote de libros e o correspondente diploma.
7. Xurado: estará composto por membros da Xunta Directiva da Asociación, profesores de lingua galega e por profesionais de recoñecido prestixio do mundo das letras.
8. Entrega de premios: a cerimonia de entrega de premios realizarase o sábado, día 26 de decembro de 2009 no centro sociocultural do concello do Corgo acompañada de actuacións e de varias sorpresas.
9. Non premiados: Os traballos non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas no prazo dun mes despois do fallo, se os/as autores/as non o solicitan.
10. Outros: A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes. A Asociación Cultural Arumes resérvase todos os dereitos de publicación das obras premiadas (en papel, CD ou mediante internet).

Para calquera dúbida relacionada co certame literario chamar ao número de teléfono: 626739390.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR, A NOSA LINGUA BEN MERECE UN ESFORZO!

viernes, 28 de agosto de 2009

IV XORNADAS SOBRE PATRIMONIO: AS CASAS GRANDES DO CORGO

A Asociación Cultural Arumes do Corgo convídate a participar nas "IV Xornadas sobre patrimonio", que nesta cuarta edición se centran nas casas grandes e pazos do concello do Corgo.

Este evento que todos os anos reúne á xente interesada no patrimonio do concello do Corgo e da contorna, celebrarase os días 5 e 6 de setembro cun programa do máis variado. As rutas de sendeirismo e os relatorios temáticos, xúntanse tamén coa música e baile tradicional da man da A.C. A Legua Dereita.

PROGRAMA

SÁBADO, DÍA 5 DE SETEMBRO DE 2009

MAÑÁ:

Ruta do Pazo do Corgo (circular):
· Saída: Casa do concello do Corgo ás 10:30 h
· Chegada (aproximada): Casa do concello do Corgo ás 13:00 h
· Lonxitude: 9 km
· Dificultade: moi baixa
· Percorrido: Casa do concello-Guimarás-A Lagoa-Santo André de Chamoso-Vilapene-Santo André de Chamoso-Sendín-O Recuio-Ferreiros-Casa do concello.

TARDE:

Relatorios (no centro sociocultural do Corgo):
17:30 h “As casas grandes do Corgo”, a cargo de Mario Outeiro Iglesias.
18:00 h “A Casa Grande de Quintela: presentación do libro”, a cargo de Isaac Rielo Carballo e Xosé Manuel Carballo Ferreiro.
18:45 h “O Pazo do Corgo”, entrevista a Jesús Abuín Arias.
19:30 h “Actuación de música e bailes galegos”, a cargo da A. C. Legua Dereita do Corgo.


DOMINGO, DÍA 6 DE SETEMBRO DE 2009

MAÑÁ:

Ruta da Casa Grande de Quintela (circular):
· Saída: Igrexa de S. Pedro de Farnadeiros ás 10:30 h
· Chegada (aproximada): Igrexa de S. Pedro de Farnadeiros ás 13:45 h
· Lonxitude: 12,5 km
· Dificultade: baixa-media
· Percorrido: Igrexa de S. Pedro-Coeses-Santalla de Quinte-Paseo do río Miño-Chamoso-Pousada-Vilanova-Quintela-Fompedriña-Outeiro-Vilar-Pacio-Pelamio-Fornos-Igrexa de S. Pedro.


A maiores editarase un libriño (arredor de 1000 exemplares) sobre as Casas Grandes do Corgo, que recolle, ademais de información xeral sobre o tema, todo o patrimonio a destacar nas proximidades das dúas rutas de sendeirismo que se realizarán nas xornadas.

Ver cartel do evento


COLABORA: VICEPRESIDENCIA 1º DA DEPUTACIÓN DE LUGO

sábado, 18 de julio de 2009

I CARREIRA POPULAR "ARUMES DO CORGO"

O pasado 23 de agosto de 2009 (domingo) celebrouse pola mañá no concello do Corgo (en fronte do CEIP do Corgo) a primeira carreira popular pedestre "ARUMES DO CORGO". Nela fíxoselle unha homenaxe a Julio Gude Trebolle, un dos mellores atletas lucenses de todos os tempos natural do Corgo.




- Limiar

- Servizos para os participantes

- Categorías

- Circuítos

- Premios

- Inscrición:

- Normas para os participantes

- Participantes inscritos (na categoría absoluta)

- Presentación ante os medios da carreira

- Resultados:

No blog podes ver algún comentario feito polos corredores participantes sobre a I Carreira Popular Arumes do Corgo. Se queres ver o foro sobre a carreira na páxina web de Correr en Galicia pincha aquí. ANÍMATE A CÓNTARNOS A TÚA EXPERIENCIA PARA INTENTAR MELLORAR AS VINDEIRAS EDICIÓNS!

CLUB DE LECTURA: ENCONTRO CO AUTOR

O xoves, 27 agosto de 2009, ás 21:00 h no centro sociocultural do Corgo mantivemos o encontro co autor de "Limpeza de sangue" (Xerais): Rubén Ruibal. Despois dunha breve presentación (do autor e do libro) e entrevista persoal para coñecer mellor ao autor do primeiro libro do club de lectura, os asistentes tiveron a oportunidade de preguntar e comentar todas aquelas dúbidas, inquedanzas e sensacións que lles provocara o libro.



Rubén, socio da Asociación Cultural Arumes do Corgo, recibiu con esa obra o premio Álvaro Cunqueiro no ano 2005 e o Premio Nacional de Literatura Dramática no 2007.

III XORNADAS DE OFICIOS ARTESANAIS: A OLERÍA

DATAS: 31 de xullo e 1 e 2 de agosto de 2009
LUGAR: Centro Sociocultural do Corgo
HORARIO: das 11:00 ás 14:00 h e das 17:00 ás 20:00 h

DEMOSTRACIÓN-OBRADOIRO DE OLERÍA
  • PEPA DE BONXE (sábado todo o día)
  • TOMÁS DE GUNDIVÓS (domingo todo o día)
EXPOSICIÓN PERMANENTE DE OLERÍA

RUTH MATILDA ANDERSON "UNHA MIRADA DE ANTANO


A Fundación Caixa Galicia presenta a “Ruth Matilda Anderson. Unha Mirada de Antano”, mostra que, dende o 19 de xuño e ata o 13 de setembro, se exhibirá na súa Sede de Lugo.

Ruth Matilda Anderson, fotógrafa americana, estivo a percorrer Galicia nos anos 20, recompilando miles de imaxes acerca do modo de vida, costumes e paisaxes do país galego.

A Asociación Cultural Arumes do Corgo visitará o mércores, día 5 de agosto de 2009 ás 20:00 h a devandita exposición na Fundación Caixa Galicia (fondo da Praza Maior de Lugo). ANÍMATE A PARTICIPAR!

sábado, 16 de mayo de 2009

ACTIVIDADES DO MES DE MAIO

A Asociación Cultural ARUMES do Corgo realizará as seguintes actividades no mes de maio de 2009:
- Sábado, 23 de maio: ruta de sendeirismo por Soutomerille (Castroverde). É un roteiro circular de aproximadamente 6-7 km de lonxitude. A saída será ás 10:30 h na rotonda de Paderne (situada na estrada Lugo-A Fonsagrada, a uns 14-15 Km dende Lugo). Organiza a Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde coa colaboración doutras entidades (entre elas Arumes). NON É PRECISO CONFIRMACIÓN E POR SUPOSTO É GRATUITA (cada un desprázase ata o punto de saída no seu propio coche).
- Sábado, 30 de maio: ruta de sendeirismo por Redes (Ares). Realizarase unha ruta de sendeirismo de 15 km pola mañá. Despois haberá un xantar de confraternización e actividades lúdicas (paseo pola vila, concerto...). A saída prevese sobre as 7:00 h na área de servizo de Gomeán Express con paradas en fronte da casa sindical ás 7:20 h e na gasolineira de San Rafael ás 7:30 h. O autobús será, moi probablemente, compartido coa Asociación de Amigos de Patrimonio de Castroverde, polo que se prega puntualidade na saída. Organiza a Asociación Instrutiva de Caamouco (Redes) coa colaboración doutras entidades (entre elas Arumes). É PRECISO CONFIRMACIÓN DA ASISTENCIA ANTES DO DÍA 20 DE MAIO AO 626739390. CADA UN PAGARÁ O SEU XANTAR (calcúlase que será de 15 € aproximadamente) E PARA AXUDA DO PAGO DO AUTOBÚS OS NON SOCIOS PAGARÁN 10 € (os socios están exentos de pagar)*.
* En reunión de Xunta Directiva do martes, 12 de maio de 2009 decidiuse que para axuda dos custes de desprazamento os NON socios pagarán pola asistencia ás excursións o equivalente a unha cota anual, é dicir, 10 € (ao igual que se fai noutras Asociacións da contorna).