Por vixésimo ano consecutivo, a Asociación Cultural Arumes do Corgo, coa colaboración do Concello do Corgo e a Asociación Cultural A Legua Dereita, quere premiar a todos/as os/as autores/as que expresen no papel os seus sentimentos empregando como ferramenta a lingua do país. Unha iniciativa pioneira no Corgo e nos concellos da contorna que debido á alta participación, á calidade dos traballos e á valía do xurado estase a converter nun certame literario recoñecido a nivel galego.
Nesta edición tan especial, a XX,
contamos cun novo premio para fomentar a dramaturxia breve, que leva o nome da
nosa veciña Benedicta Sánchez, premio Goya como mellor actriz revelación en 2020.
Ademais teremos por primeira vez con premios económicos para o primeiro premio
da categoría de adultos de relato e poesía, así como tamén no premio de
dramaturxia.
As bases do certame son as seguintes:
1. Idioma: todos os textos presentados teñen que estar
escritos en lingua galega.
2. Categorías:
- CATEGORÍA INFANTIL (dos 10 aos
13 anos, incluídos).
- CATEGORÍA XUVENIL (dos 14 aos
17 anos, incluídos).
- CATEGORÍA ADULTOS (maiores de
idade).
Os anos míranse na data da
convocatoria do certame: 1 de outubro de 2026.
3. Modalidades:
- POESÍA (de 30 a 60 versos)
- RELATO CURTO (de 3 a 6 páxinas
escritas a dobre espazo, calibri 12 e marxes de 2,5 cm).
NOTAS: A categoría infantil non
ten límite de espazo inferior (30 versos ou 3 páxinas), pero si superior,
podendo entregarse escritos a man. A temática é libre para todas as categorías.
4. Premio de dramaturxia “Benedicta Sánchez”:
- CATEGORÍA ADULTOS (maiores de
idade).
- TEXTOS DRAMÁTICOS (de 8 a 12
páxinas escritas a dobre espazo, calibri 12 e marxes de 2,5 cm).
- TEMÁTICA: O rural galego.
- DESCRICIÓN: Trátase de crear
unha pequena peza teatral de doada montaxe, é dicir, cun número de personaxes
que non supere os cinco e unha sinxela escenografía. A asociación organizadora
poderá encargar a representación da obra gañadora para ser visualizada tanto no
acto de entrega de premios do seguinte certame como noutro evento de índole
cultural durante dous anos.
5. Premio “A Legua Dereita”:
- CATEGORÍA INFANTIL (dos 10 aos
13 anos, incluídos).
- RELATO CURTO (ata 6 páxinas,
podendo entregarse escritas a man).
- TEMÁTICA: A cultura tradicional
galega.
- DESCRICIÓN: Entre os relatos
curtos da categoría infantil que participen neste certame, o premio especial “A
Legua Dereita” pretende destacar aquelas creacións que poñan en valor e
enxalcen a cultura tradicional galega. O xurado considerará como elixíbeis para
este premio aquelas obras que relaten feitos ou costumes da vida cotiá do noso
pobo que aconteceron, ou poderían ter acontecido, na sociedade galega de
antano. Poderán ser, por exemplo, lendas, contos, historias de namorar, relatos
sobre a música e o baile tradicional ou acontecementos históricos, entre
outros.
5. Presentación: cada participante poderá presentar
varios traballos (non premiados noutros certames literarios). Entregaranse
mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando no asunto do
correo a categoría e a modalidade, título e pseudónimo. Remitiranse
exclusivamente en formato dixital ao correo-e: arumescorgo@gmail.com. Deberán
enviarse no mesmo correo dous arquivos en formato PDF:
- Un terá o contido da obra e
obrigatoriamente conterá un título identificativo e un pseudónimo. O nome do
arquivo será: “titulo_da_obra.pdf” (é dicir en minúsculas, sen tildes e con
barra baixa nos espazos).
- O outro conterá os datos
identificativos do autor/a sendo obrigatorios: modalidade, categoría, título,
pseudónimo, nome e apelidos, data de nacemento, domicilio (parroquia e
concello), DNI, correo electrónico e teléfono de contacto (recoméndase
dixitalizar o DNI e incluílo no documento). O nome do arquivo será:
“plica_titulo_da_obra.pdf” (é dicir en minúsculas, sen tildes e con barra baixa
nos espazos).
Este segundo arquivo, será
custodiado polo secretario do certame, entregando unicamente aos membros do
xurado o primeiro dos arquivos.
6. Prazo: o prazo de entrega rematará o día 27 de
novembro de 2026 (ata as doce da noite).
7. Premios: para cadansúa categoría, nas modalidades de
poesía e relato establécense un primeiro premio e un accésit. Por outra banda,
haberá un único premio “Legua Dereita” e de dramaturxia. Cada un destes premios
consistirá nunha figuriña de cerámica do país, un lote de libros e o correspondente
diploma.
Os primeiros premios de poesía e
relato na categoría de adultos e o de dramaturxia recibirán, tamén, 200€ en
metálico, coas retencións ás que houbese lugar.
8. Xurado: estará composto por membros da Xunta
Directiva da Asociación, profesores/as de lingua galega e por profesionais de
recoñecido prestixio do mundo das letras. Para dirimir o premio “A Legua
Dereita” contaremos co asesoramento de membros da Xunta Directiva da Asociación
Cultural A Legua Dereita do Corgo .
9. Entrega de premios: a cerimonia de entrega de premios
realizarase o sábado, día 19 de decembro de 2026 no Punto de Atención á Lectura
do Corgo (PALCO) acompañada do recitado das poesías gañadoras e dalgunha
actuación.
10. Outros: A presentación ao premio supón a
conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes. A Asociación
Cultural Arumes resérvase os dereitos de publicación das obras premiadas
durante dez anos, así como os dereitos de representación do premio de
dramaturxia “Benedicta Sánchez” do xeito que se detallan no punto 4 destas
bases. Aquelas persoas que queiran publicar un traballo gañador, ou representar
o texto premiado co premio “Benedicta Sánchez”, terán que facer constar que
recibiron o premio Terras de Chamoso na edición, categoría e modalidade que
corresponda.
Para calquera dúbida relacionada co certame literario enviar un correo a arumescorgo@gmail.com.
No hay comentarios:
Publicar un comentario