Mostrando entradas con la etiqueta Ramón Lamote. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ramón Lamote. Mostrar todas las entradas

domingo, 20 de marzo de 2011

ENCONTRO CON PACO MARTÍN

O venres, 18 de marzo de 2011, celebrouse no centro sociocultural do Corgo, ás 22:00 h, o encontro co escritor Paco Martín, autor de "Das cousas de Ramón Lamote" e "Das novas cousas de Ramón Lamote". O IV encontro co autor do Club de lectura da A.C. Arumes do Corgo desenvolveuse con gran éxito de asistencia (preto dunha trintena de lectores).

A xornada, que dirixiu Roberto Rodríguez Páramo (vocal de Arumes), constou dunha presentación biográfica do autor, a presentación da obra elixida, unha pequena entrevista, para posteriormente abrir o acto aos asistentes que participaron masivamente con preguntas relativas á obra protagonizada por Ramón Lamote e á vida do Premio Nacional de Literatura, Paco Martín.


O encontro, que se demorou dúas horas, rematou coa sinatura de exemplares e a entrega dun agasallo de cerámica, realizada polo noso querido Lolo de Anseán.

jueves, 10 de marzo de 2011

CLUB DE LECTURA: ENCONTRO CO AUTOR DE "DAS COUSAS DE RAMÓN LAMOTE", PACO MARTÍN

A Asociación Cultural Arumes do Corgo, despois do éxito dos tres primeiros libros do club de lectura:
  • "Limpeza de sangue" de Rubén Ruibal (Premio Álvaro Cunqueiro no 2005 e Nacional de Literatura no 2007): agosto de 2009.
  • "Cando petan na porta pola noite" de Xabier P. Docampo (Premio Nacional de Literatura no 1995): decembro de 2009.
  • "Ás de bolboreta" de Rosa Aneiros (Premio Fundación Caixa Galicia no 2009 e The Withe Ravens no 2010): xuño de 2010.
afronta con gran ilusión esta cuarta etapa do mesmo. Nesta ocasión o libro escollido é "Das cousas de Ramón Lamote" (1985) do lucense Paco Martín co que obtivo o Premio Nacional de literatura infantil en 1986 e unha mención na lista de The Withe Ravens. Dun xeito opcional os socios tamén teñen a oportunidade de ler e comentar o libro "Das novas cousas de Ramón Lamote" (2010), por ser unha continuación do primeiro.


O Club de lectura de Arumes comezou a funcionar a comezos de 2009 coa intención de dar lectura a un libro cada semestre (e así fomentar o consumo de literatura galega entre a poboación do Corgo e dos concellos limítrofes). A Asociación posúe un servizo de préstamo bibliotecario para os socios interesados e o encontro coa autor levarase a cabo o VENRES, 18 DE MARZO DE 2011, no Centro Sociocultural do Corgo ás 20:00 h. Ese día todas as persoas interesadas terán a oportunidade de coñecer a faceta máis persoal e profesional de Paco Martín.

Nacido en Recatelo (Lugo) no 1940, Paco Martín exerceu de mestre de educación primaria durante catro décadas ata a súa xubilación no 2000. Do que nunca se retirou foi do mundo das letras converténdose nun dos máis grandes escritores da literatura infantil e xuvenil galega. Paco Martín tamén destacou no mundo da etnografía con diversas publicacións, así como a súa faceta de columnista en varios xornais galegos. Recibiu tamén os premios "O Barco de Vapor" no 1984 e o "Puro Cora" de xornalismo no 1994.