miércoles, 23 de octubre de 2013

VII CERTAME LITERARIO "TERRAS DE CHAMOSO"

Por sétimo ano consecutivo a Asociación Cultural Arumes do Corgo, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, quere premiar a todos os autores que expresen no papel os seus sentimentos empregando como ferramenta a lingua do país. Unha iniciativa pioneira no Corgo e nos concellos da contorna que debido á alta participación, á calidade dos traballos e á valía do xurado estase a converter nun certame literario recoñecido a nivel galego. As bases do certame son as seguintes:

1. Temática e idioma: A organización do certame non quere limitar a imaxinación dos autores. A única norma é que a obra se redacte en LINGUA GALEGA.
2. Categorías:
- CATEGORÍA INFANTIL (dos 10 aos 14 anos).
- CATEGORÍA XUVENIL (dos 14 aos 18 anos).
- CATEGORÍA ADULTOS (maiores de 18 anos).
3. Modalidades:
- POESÍA (de 30 a 60 versos).
- RELATO CURTO (de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo).
NOTA: A categoría infantil non ten límite de espazo inferior, pero si superior.

4. Presentación: cada participante poderá presentar varios traballos (non premiados noutros certames literarios). Entregaranse mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando a categoría, modalidade, título e pseudónimo e achegando nun sobre pechado a información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto. Remitiránse ao seguinte enderezo: A. C. Arumes do Corgo. Antigas escolas do Corgo s/n, 27.163 O Corgo (Lugo) ou ao e-mail: arumescorgo@gmail.com Deberán enviarse no mesmo correo electrónico dous arquivos en formato PDF, un co contido da obra e outro onde constará o lema que distinga o traballo, no que constará, no seu interior o nome apelido do autor/a, domicilio, teléfono, poboación de residencia. Este segundo arquivo, será custodiado pola xunta directiva da Asociación Cultural Arumes, entregando únicamente  ao xurado a obra e o lema da mesma.
5. Prazo: o prazo de entrega rematará o día 15 de novembro de 2013.
6. Premios: para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º premio de poesía, e tamén 1º e 2º premio de relato.
Cada premio consiste nunha figuriña de cerámica do país, un lote de libros e o correspondente diploma.
7. Xurado: estará composto por membros da Xunta Directiva da Asociación, profesores de lingua galega e por profesionais de recoñecido prestixio do mundo das letras.
8. Entrega de premios: a cerimonia de entrega de premios realizarase o sábado, día 21 de decembro de 2013 no centro sociocultural do concello do Corgo acompañada de actuacións e de varias sorpresas.
9. Non premiados: Os traballos non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas no prazo dun mes despois do fallo, se os/as autores/as non o solicitan.
10. Outros: A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes. A Asociación Cultural Arumes resérvase todos os dereitos de publicación das obras premiadas (en papel, CD ou mediante internet).

Para calquera dúbida relacionada co certame literario enviar un correo a arumescorgo@gmail.com.


DÍPTICO COAS BASES PARA IMPRIMIR

domingo, 20 de octubre de 2013

RESULTADOS DA V CARREIRA POPULAR "ARUMES DO CORGO"

CARLOS VILLAMOR IMPONSE NA V CARREIRA POPULAR ARUMES DO CORGO 
Pena Holguín e Juan Antonio Gude completaron o podio dunha cita asentada no calendario de carreiras populares lucenses e galegas
 
A proba contou con máis de 300 participantes de todas as idades, desde nenos e nenas de 3 anos a veteranos
 

O delegado de Cultura e Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro, participou esta mañá na entrega de premios da V Carreira Popular “Arumes do Corgo”, que organiza a asociación homónima, e na que participaron máis de 300 deportistas de todas as idades, desde nenos e nenas de 3 anos ata veteranos. O gañador da proba absoluta foi Carlos Villamor, que entrou na meta cun tempo de 16:36, seguido de Juan Pena Holguín e Juan Antonio Gude Vila. Na categoría feminina a vencedora foi a corredora de Bóveda Luísa González Somoza, que entrou na meta seguida de preto por Raquel Suárez Pedrosa, ambas moi distanciadas, con máis de 3 minutos, de Ana Abuín.
 
 
A V Carreira Popular Arumes do Corgo estivo organizada pola propia asociación coa colaboración da Federación Galega de Atletismo e o apoio económico da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
 

É unha carreira totalmente consolidada no calendario de atletismo a nivel galego; así o demostra o alto grado de participación acadado nesta edición, na que participaron máis de 300 corredores. Todo isto é debido a un gran traballo a nivel organizativo dos membros de Arumes do Corgo, e grazas á colaboración económica tanto do concello do Corgo, como da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, así como o apoio técnico da Federación Galega de Atletismo.

Na carreira déronse todos os premios por categorías con trofeo, unha camiseta para os 150 primeiros participantes da xeral e para todas as categorías inferiores, e premios en metálico para a clasificación xeral individual, tanto para homes como para mulleres.
 

martes, 8 de octubre de 2013

V CARREIRA POPULAR "ARUMES DO CORGO"

Despois do éxito das catro primeiras edicións, o 20 de outubro de 2013 (domingo) celebrarase pola mañá, no concello do Corgo (en fronte do CEIP do Corgo) a quinta carreira popular pedestre "ARUMES DO CORGO".
- Limiar
- Presentación da carreira