viernes, 16 de diciembre de 2022

ACTA DA REUNIÓN DO XURADO DOS PREMIOS DA XVI EDICIÓN DO CERTAME LITERARIO “TERRAS DE CHAMOSO”

 Sendo as 19:30 h do día 12 de decembro de 2022, na localidade do Corgo, reúnense os membros do xurado para fallaren os premios da XVI edición do certame literario “Terras de Chamoso”, convocado pola Asociación Cultural Arumes do Corgo, do que forman parte:

 

D. Xurxo Xosé Rodríguez Lozano

D. Xosé Manuel Castro Castedo

Dna. Beatriz Pin Díaz

Dna. Sonia Melón Parente

D. Eduardo Carreira López

 

Exercendo de secretario do xurado, sen voto, o secretario da A.C. Arumes do Corgo D. Mario Outeiro Iglesias.

 

Logo das deliberacións pertinentes e das votacións oportunas, os membros do xurado conclúen declarar premiados na XVI edición do certame literario “Terras de Chamoso” como segue:

 

CATEGORÍA: INFANTIL

Modalidade: poesía

1º premio:   Paula Reija Folgueira, de Monte (Castroverde), pola obra “Sempre galego”.

2º premio:   Carolina Freire Cando, de Montecubeiro (Castroverde), pola obra “Miña Terra”.

Modalidade: relato

1º premio:   Carla Carracedo Fernández, de Lugo, pola obra “A matanza”.

2º premio:   Juan Carlos Álvarez Díaz, de San Pedro de Río (A Fonsagrada), pola obra “Relatos do pasado”.

Premio “A Legua Dereita”: Carla Carracedo Fernández, de Lugo, pola obra “A matanza”.

 

CATEGORÍA: XUVENIL

Modalidade: poesía

1º premio:   deserto.

2º premio:   deserto.

Modalidade: relato

1º premio:   Ariadna Cambeiro Pérez, de Santiago de Compostela, pola obra “Se o silencio falase”.

2º premio:   Julia Amoedo Méndez, de Redondela (Pontevedra), pola obra “A simple historia do mensaxeiro”.

 

CATEGORÍA: ADULTOS

Modalidade: poesía

1º premio:   Natalia Lema Otero, de Vimianzo (A Coruña), pola obra “Heterocromía”.

2º premio:   Eva González Blanco, de Lalín (Pontevedra), pola obra “Crisálida”.

Modalidade: relato

1º premio:   Xosé Farruco Graña Rama, de Ribadeo, pola obra “Eu voun navegar”.

2º premio:   Agustín Lorenzo Fidalgo, de Ourense, pola obra “Unha aldea viva”.

 

Os membros do xurado agradecen a colaboración de Dna. Ainhoa Sancosmed López pola axuda prestada para a elección do Premio “A Legua Dereita” e de D. Manuel Fernández López e Dna. Chelo Vázquez Castro polo seu asesoramento nas categorías infantil e xuvenil.

 

E non habendo máis asuntos que tratar, levántase a sesión, cando son as 21:00 h do día 12 de decembro de 2022.

lunes, 28 de noviembre de 2022

XVI CERTAME LITERARIO "TERRAS DE CHAMOSO"

Por décimo sexto ano consecutivo a Asociación Cultural Arumes do Corgo, coa colaboración do Concello do Corgo e a Asociación Cultural A Legua Dereita, quere premiar a todos os autores que expresen no papel os seus sentimentos empregando como ferramenta a lingua do país. Unha iniciativa pioneira no Corgo e nos concellos da contorna que debido á alta participación, á calidade dos traballos e á valía do xurado estase a converter nun certame literario recoñecido a nivel galego. As bases do certame son as seguintes:


1. Temática e idioma: A organización do certame non quere limitar a imaxinación dos autores. A única norma é que a obra se redacte en LINGUA GALEGA.


2. Categorías:
- CATEGORÍA INFANTIL (dos 10 aos 13 anos, incluídos).

- CATEGORÍA XUVENIL (dos 14 aos 17 anos, incluídos).
- CATEGORÍA ADULTOS (maiores de idade).


3. Modalidades:
- POESÍA (de 30 a 60 versos).
- RELATO CURTO (de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo).
NOTA: A categoría infantil non ten límite de espazo inferior, pero si superior.


4. Premio "A Legua Dereita":
- CATEGORÍA INFANTIL (dos 10 aos 13 anos, incluídos).

- RELATO CURTO (de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo).
- TEMÁTICA: A cultura tradicional galega.
- DESCRICIÓN: Entre os relatos curtos da categoría infantil que participen neste certame, o premio especial "A Legua Dereita" pretende destacar aquelas creacións que poñan en valor e enxalcen a cultura tradicional galega. O xurado considerará como elixíbeis para este premio aquelas obras que relaten feitos ou costumes da vida cotiá do noso pobo que aconteceron, ou poderían ter acontecido, na sociedade galega de antano. Poderán ser, por exemplo, lendas, contos, historias de namorar, relatos sobre a música e o baile tradicional ou acontecementos históricos, entre outros.

5. Presentación: cada participante poderá presentar varios traballos (non premiados noutros certames literarios). Entregaranse mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando a categoría, modalidade, título e pseudónimo e achegando nun sobre pechado a información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo, DNI, correo electrónico e teléfono de contacto. Remitiranse ao seguinte enderezo: A. C. Arumes do Corgo. Antigas escolas do Corgo s/n, 27.163 O Corgo (Lugo) ou ao correo-e: arumescorgo@gmail.com Deberán enviarse no mesmo correo dous arquivos en formato PDF, un co contido da obra e outro co lema que distinga o traballo, no que constará, no seu interior nome, apelidos, data de nacemento, enderezo, DNI, correo electrónico e teléfono de contacto. Este segundo arquivo, será custodiado pola xunta directiva da Asociación Cultural Arumes do Corgo, entregando unicamente  ao xurado a obra e o lema da mesma.

6. Prazo: o prazo de entrega rematará o día 27 de novembro de 2022.

7. Premios: para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º premio de poesía, e tamén 1º e 2º premio de relato.
Cada premio consiste nunha figuriña de cerámica do país, un lote de libros e o correspondente diploma.
O premio "A Legua Dereita" contará, a maiores da cerámica do país, dun lote de libros (relacionados coa cultura tradicional galega) e do diploma acreditativo, cun instrumento musical galego.

8. Xurado: estará composto por membros da Xunta Directiva da Asociación, profesores de lingua galega e por profesionais de recoñecido prestixio do mundo das letras. Para dirimir o premio "A Legua Dereita" contaremos con membros da Xunta Directiva da Asociación Cultural A Legua Dereita do Corgo.

9. Entrega de premios: a cerimonia de entrega de premios realizarase o sábado, día 17 de decembro de 2022 no centro sociocultural do concello do Corgo acompañada de actuacións e de varias sorpresas.

10. Non premiados: Os traballos non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas no prazo dun mes despois do fallo, se os/as autores/as non solicitan a súa devolución.

11. Outros: A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes. A Asociación Cultural Arumes resérvase todos os dereitos de publicación das obras premiadas (en papel, CD ou mediante internet).

Para calquera dúbida relacionada co certame literario enviar un correo a arumescorgo@gmail.com.