miércoles, 17 de febrero de 2010

CURSO DE INICIACIÓN AO BAILE GALEGO

O martes, 2 de marzo de 2010 comezaremos un curso de iniciación ao baile galego en colaboración coa A.C. A Legua Dereita. As clases desenvolveranse todos os martes de 21:00 h a 22:00 h cun prezo para socios da A.C. Arumes do Corgo e da A.C A Legua Dereita de 15 € ao mes e para os non socios de 20 €. A profesora do curso é a corguesa Laura Fouz Bacariza que tamén da aulas de baile en María Castaña de Lugo, Legua Dereita do Corgo, Abrente das Nogais... SE ESTÁS INTERESADO PONTE EN CONTACTO CON ARUMES NO TELÉFONO 626739390.

CLUB DE LECTURA

O libro escollido para o club de lectura neste primeiro semestre de 2010 é “Ás de bolboreta” de Rosa Aneiros. Contamos facer o encontro coa autora cara o verán. Lembra que os socios poden pedir prestados libros da Biblioteca de Arumes.

ASEMBLEA XERAL ORDINARIA

O sábado, 13 de febreiro de 2010, ás 12:00 h celebrouse no Centro sociocultural do concello a Asemblea Xeral Ordinaria da A.C. Arumes do Corgo. A orde do día foi a seguinte:

1. Lectura da acta da Asemblea Xeral anterior e aprobación, se procede.

2. Memoria de actividades da Asociación no último ano.

3. Informe do tesoureiro e aprobación das contas do ano 2009.

4. Orzamento para o ano 2010.

5. Proposta, aberta, de actividades para o ano 2010.

6. Fundación do Club de Atletismo Arumes-Área 10.

7. Altas e baixas de socios/as.

8. Comunicados, rogos e preguntas.


Ao rematar a Asemblea os socios que quixeron (arredor de 40) desfrutaron dun xantar típico de entroido no restaurante "Playa" do Corgo e os máis atrevidos disfrazaronse para correr o entroido por diversos puntos do concello.

sábado, 6 de febrero de 2010

PRESENTACIÓN DO LIBRO "EL MAESTRO DE ZAÍN"


A Asociación ARUMES DO CORGO, dentro das súas actividades do ano 2009, presentou no Centro Sociocultural o libro de Mª Dolores Seijas Soto “O MESTRE DE ZAÍN”. A presentación estivo precedida por unha conferencia sobre Historia da Educación, a cargo de Xurxo Rodríguez Lozano (Presidente da A.C. ARUMES do Corgo e profesor de Lingua castelá e Lingua galega no CPI RAMÓN PIÑEIRO, de Láncara).

Con este acto, a Asociación quere homenaxear aos mestres galegos represaliados polo franquismo, representados na figura de Luis Soto Menor, protagonista do libro.

O conferenciante comenzou a charla coa seguinte presentación:

É unha enorme satisfacción para a Asociación Cultural Arumes do Corgo a presentación do libro “O mestre de Zaín”, de Mª Dolores Seijas Soto por varios motivos.

En primeiro lugar, porque é unha aportación máis para afondar no longo periodo de represión ao que se viron condenados moitos intelectuais e docentes despois da guerra civil, afrontada dende a perspectiva do paso dos anos, exenta de calquera tipo de revanchismo, pero firme no obxectivo de rescatar do anonimato ao que se viron condenadas as vidas de moitos deses intelectuais, como é, entre outras, a do seu avó LUIS SOTO MENOR.

En segundo lugar, porque Dolores forma parte da nosa Asociación e os estatutos de Arumes márcannos un camiño que é o de facer cultura e país. Polo tanto, é gratificante para nós que os nosos socios participen destes obxectivos. Resulta necesario abordar a nosa historia para aprender dela, poder seguir adiante e gañar o futuro.

En terceiro lugar, a min, como mestre, fillo dun mestre, tócame directamente na historia da miña profesión.

Por iso aceptei de bo grado a tarefa de presentar no Corgo este libro que me foi encomendada pola directiva da Asociación, que non é outra que aproveitar este acto para facer patente a nosa homenaxe particular a aqueles homes e mulleres que creron nunha renovación da educación para transformar a sociedade.

Moitos pagárono coa súa vida, outros co exilio ou co cárcere, e moitos outros, como Luis Soto, co seu fulminante cesamento e co esquecemento social.

Eu non son historiador, pero intentarei centrarme nalgúns momentos da nosa historia que foron importantes para a educación e, nomeadamente, no periodo do primeiro bienio republicano (1931-32) no que podemos encadrar unha importante parte do traballo do protagonista do libro.

Tamén será inevitable entrar no que veu despois de 1936.

Como remate, quero que sexa a autora do libro a que nos desvele por que sentiu a necesidade de escribilo e que foi descubrindo a medida que se centrou na investigación.


A continuación, deu unhas breves pinceladas sobre a educación anterior ao século XVIII para centrarse nos logros conseguidos neste século polas ideas da Ilustración e da Revolución Francesa (A educación como servizo público e os modelos liberal e xacobino).

Abordou despois a lexislación educativa a partir da Constitución de 1812, centrándose na Lei Moyano d 1857 e o intervencionismo eclesiástico na educación determinado polo Concordato de 1851.

Incidiu tamén no movemento pedagógico inspirado pola ESCOLA NOVA e A INSTITUCIÓN LIBRE DE ENSEÑANZA, destacando as figuras de Giner de los Ríos e Concepción Arenal, e establecendo unha comparación entre os principios que marcaban a Escola tradicional e os cambios aportados pola Escola Nova.

Pasou de seguido a analizar a situación do ensino a principios do século XX (Escolas da Igrexa, escolas do Estado, escolas de ferrado, fundacións de emigrantes e sociedades de instrucción pública).

A continuación, centrouse no modelo de Educación da República (1931), sinalando os logros conseguidos nesta época.

Sinalou que foi unha República de intelectuais na que conviviron persoas de diferentes xeracións (Ortega, Azaña, Machado, Lorca…) que consideraron a educación como unha cuestiónde Estado e que imprimiron un cambio radical de métodos no ensino e na formación dos mestres, verdadeiros artífices do cambio).

Sintetizou os principios deste modelo educativo que propugnaba Lorenzo Luzuriaga:

  • Escola única: Universal e reformada en extensión.
  • Escola activa: Reformas metodolóxicas e innovacións didácticas.
  • Escola pública: A cargo do Estado.
  • Escola laica : Á marxe da Igrexa.

Para o conferenciante, o modelo de profesor republicano segue a ser un referente en moitos aspectos na actualidade.

Neste contexto educativo republicano sitou a figura de LUIS SOTO MENOR, intelectual e profesional da educación que chegou a Lugo en 1914 como Inspector Xefe de E. Primaria. Frecuentou a tertulia doMéndez Núñez e foi articulista de xornáis e revistas pedagóxicas, onde asinaba como “o mestre de Zaín”, seudónimo que motivou o título do libro da súa neta Mª Dolores.

Como Inspector, organizou en Lugo varios Congresos pedagóxicos, con asistencia do propio Lorenzo Luzuriaga a un deles, organizou as Colonias Escolares, creou numerosas escolas na provincia e participo unas Misións pedagóxicas da República.

Era de afiliación política radical socialista, foi candidato a Deputado no ano 1933 e participou na redacción do Estatuto de Autonomía de Galiza.

O 31 de agosto de 1936 foi cesado fulminantemente do seu cargo. Pasou polo cárcere e sufriu penurias económicas que o obrigaron a desfacerse de moitas propiedades e mesmo a traballar como vendedor de membrillo e pimentón por distintos lugares da provincia.

Morreu en 1964 (uns meses antes foi restituido no seu cargo). A súa foi unha vida dura, separado do seu traballo e marcado socialmente durante moitos anos. Pero foi un home fiel ás súas ideas, ás que non renunciou nunca.

O Presidente de Arumes rematou a conferencia destacando os aspectos máis duros da represión franquista contra os mestres (encarcerados, exiliados, depurados, fusilados como Arximiro Rico, condenados ao exilio interior…) e facendo referencia ao famoso debuxo de Castelao (A derradeira lección do mestre).

Despois de comentar os aspectos máis significativos da escola da ditadura franquista pasoulle a palabra a Mª Dolores Seijas Soto, quen explicou as razóns que a levaron a escribir o libro, que resumiu na terrible inxustiza cometida co seu avó ao facerlle vivir unha vida apartada da súa profesión e a condena social a que se viu sometido. Con todo, lembrou o agradecemento de moitas persoas nos tempos difíciles a Luis Soto, coñecedores do traballo que tiña realizado pola educación na provincia.

Tamén explicou que polo libro pasan moitas anécdotas e personaxes lucenses da época.

A continuación, firmou exemplares do seu libro aos asistentes que o solicitaron.