lunes, 27 de diciembre de 2010

lunes, 13 de diciembre de 2010

ENTREGA DE PREMIOS DA IV EDICIÓN DO CERTAME LITERARIO TERRAS DE CHAMOSO

O martes, día 14 de decembro de 2010 o Xurado da IV edición resolveu os premios do Certame Literario Terras de Chamoso. Para ver a acta do xurado (onde están os gañadores) prema no seguinte enlace:

- Ver acta.

O sábado, 18 de decembro de 2010, celebrarase no Centro Sociocultural do Corgo, ás 21:00 h, o acto de entrega de premios da IV edición do Certame Literario Terras de Chamoso co seguinte programa:

- Apertura musical a cargo da A.C. A Legua Dereita.

- Entrega de premios do certame literario.

- Recital das poesías gañadoras.

- Espectáculo de música tradicional a cargo de Saltanocribo.


Se non sabes como chegar ao Centro Sociocultural preme no seguinte enlace:

- Ver mapa.

COLABORA: VICEPRESIDENCIA PRIMEIRA DA DEPUTACIÓN DE LUGO

martes, 9 de noviembre de 2010

OBRADOIRO DE RECICLAXE RESPONSABLE

O sábado, día 13 de novembro de 2010, de 11:00 h a 13:00 h celebrarase un "Obradoiro de reciclaxe: o consumo responsable" no Centro Sociocultural do Corgo, organizado por:

  • Arumes do Corgo
  • A Cova da Terra
  • ANPA do Corgo

coa colaboración de:

  • Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo
  • Concello do Corgo

lunes, 8 de noviembre de 2010

HOMENAXE A UXÍO NOVONEYRA E FIZ VERGARA VILARIÑO

DIARIO DE VIAXE: DOMINGO, 7 DE NOVEMBRO DE 2010
  • Saída da Área de servizo Gomeán Express ás 8:30 h.
  • Chegada a Seoane do Courel ás 10:30 h, despois de facer unha parada breve no Cebreiro.
  • O autocar deixounos na saída de Seoane pola estrada de Folgoso para empezar o percorrido a pé ata Parada (pobo de Uxío Novneyra). Fixemos unha breve visita á casa do poeta cunha lectura da biografía e dalgún poema. Fixemos a volta por un camiño que arrodea o pobo por uns fermosos soutos de castiros ata a estrada principal (parte do percorrido fíxose polo mesmo sitio ida e volta). O camiño de ida presentou certa pendente, asumible para calquera persoa. O total do percorrido foron uns 7,5 km. No punto onde nos deixou e recolleu o autocar puidemos visitar os arredores dunha antiga ferraría (atópase pechada para as visitas), e parte do grupo puideron subir andando ata Seoane por un camiño que comunica esta ferraría coa vila.

  • Ás 13:30-14:00 h xantar en Seoane no restaurante Anduriña.

  • Pola tarde saimos dirección ao Incio pola estrada de Seoane a Samos, desviándonos por Ponte de Loúzara ata Santalla (pobo de Fiz Vergara Vilariño, onde fixemos unha pequena parada para ver a casa e a Fonte da Cova). Despois seguimos cara a Ferrería do Incio (antiga hospedería e balneario en reconstrución), chegamos a Hospital (visita da igrexa) e rematamos no Incio para o regreso ao punto de saída.

CURSO DE INICIACIÓN AO DEPORTE DE ORIENTACIÓN E PASEO ORIENTADO

No mes de outubro celebrouse no concello do Corgo, organizado pola A.C. Arumes do Corgo coa colaboración económica da Consellaría de Traballo e Benestar (Programa Iniciativa Xove), un "curso de iniciación ao deporte de orientación" no que participaron preto de 20 persoas.

Clase de teoría no Centro Sociocultural

Unha vez rematado o curso, a A.C. Arumes do Corgo no mesmo programa, organizou un paseo orientado pola parroquia do Corgo (Guimarás, A Lagoa, Igrexa, Pazo...) o sábado, 30 de outubro de 2010, no que pese as inclemencias atmosféricas un grupo de persoas de todas as idades animouse a demostrar os coñecementos adquiridos no curso.


Paseo orientado polo Corgo

viernes, 15 de octubre de 2010

IV CERTAME LITERARIO "TERRAS DE CHAMOSO"

Por cuarto ano consecutivo a Asociación Cultural Arumes do Corgo, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, quere premiar a todos os autores que expresen no papel os seus sentimentos empregando como ferramenta a lingua do país. Unha iniciativa pioneira no Corgo e nos concellos da contorna que debido á alta participación, á calidade dos traballos e á valía do xurado estase a converter nun certame literario recoñecido a nivel galego. As bases do certame son as seguintes:

1. Temática e idioma: A organización do certame non quere limitar a imaxinación dos autores. A única norma é que a obra se redacte en LINGUA GALEGA.
2. Categorías:
- CATEGORÍA INFANTIL (dos 10 aos 14 anos).
- CATEGORÍA XUVENIL (dos 14 aos 18 anos).
- CATEGORÍA ADULTOS (maiores de 18 anos).
3. Modalidades:
- POESÍA (de 30 a 60 versos).
- RELATO CURTO (de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo).
NOTA: A categoría infantil non ten límite de espazo inferior, pero si superior.
4. Presentación: cada participante poderá presentar varios traballos (non premiados noutros certames literarios). Entregaranse mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando a categoría, modalidade, título e pseudónimo e achegando nun sobre pechado a información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto. Remitiránse ao seguinte enderezo: A. C. Arumes do Corgo. Antigas escolas do Corgo s/n, 27.163 O Corgo (Lugo).
5. Prazo: o prazo de entrega rematará o día 26 de novembro de 2010.
6. Premios: para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º premio de poesía, e tamén 1º e 2º premio de relato.
Cada premio consiste nunha figuriña de cerámica do país, un lote de libros e o correspondente diploma.
7. Xurado: estará composto por membros da Xunta Directiva da Asociación, profesores de lingua galega e por profesionais de recoñecido prestixio do mundo das letras.
8. Entrega de premios: a cerimonia de entrega de premios realizarase o sábado, día 18 de decembro de 2010 no centro sociocultural do concello do Corgo acompañada de actuacións e de varias sorpresas.
9. Non premiados: Os traballos non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas no prazo dun mes despois do fallo, se os/as autores/as non o solicitan.
10. Outros: A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes. A Asociación Cultural Arumes resérvase todos os dereitos de publicación das obras premiadas (en papel, CD ou mediante internet).

Para calquera dúbida relacionada co certame literario chamar ao número de teléfono: 626739390.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR, A NOSA LINGUA BEN MERECE UN ESFORZO!

jueves, 7 de octubre de 2010

CURSO DE INICIACIÓN AO DEPORTE DE ORIENTACIÓN

A Asociación Cultural Arumes do Corgo coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado organiza un curso de iniciación ao deporte de orientación para realizar no mes de outubro de 2010.

A inscrición será gratuíta para todos os socios da Asociación Cultural Arumes do Corgo e do Club de Atletismo Arumes-Área 10 E CUSTARÁ 10 € ao resto de persoas interesadas, e terá que realizarse antes do día 13 de outubro (primeira clase) poñéndose en contacto co seguinte teléfono: 626739390.

PROGRAMA (prema aquí para baixar o programa do curso)

ORGANIZA: A.C. ARUMES DO CORGO
COLABORA: DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

viernes, 27 de agosto de 2010

V XORNADAS SOBRE PATRIMONIO: REGRESO AO MUNDO CASTREXO

Outro ano máis, e xa van cinco, a A.C. Arumes do Corgo celebra outra edición das Xornadas sobre Patrimonio, centradas esta vez na CULTURA CASTREXA. A xornada que conta coa colaboración económica da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, celébranse os sábados, 28 de agosto e 11 de setembro de 2010 co seguinte programa:

SÁBADO, DÍA 28 DE AGOSTO DE 2010

MAÑÁ:

Ruta dos castros miñotos (circular):

Saída: Igrexa de San Cosme de Manán ás 9:30 h

Chegada (aproximada): Igrexa de San Cosme de Manán ás 13:00 h

Lonxitude: 10,5 km

Dificultade: media

Percorrido: Igrexa de Manán-Rego-Vilanova-Pousada-Chamoso-Muíño da Areosa-San Fiz de Paradela-Igrexa de Manán.

SÁBADO, DÍA 11 DE SETEMBRO DE 2010

MAÑÁ:

Ruta dos castros altos (circular):

Saída: Igrexa de Santalla do Alto ás 9:30 h (para quen non saiba do sitio, quedamos ás 9:15 h no campo da feira de Gomeán)

Chegada (aproximada): Igrexa de Santalla do Alto ás 13:15 h

Lonxitude: 11,5 km

Dificultade: media

Percorrido: Airexe-Fonteboa-Monte de San Agustín-Vilanova-Vilar-Golás-Vilar-Santalla-Casanova-Vigo-Airexe.

TARDE:

Tarde de cultura e lecer (escola vella de Gomeán e campo da feira):

17:30 h “A Cultura Castrexa en Lugo”, a cargo de Felipe Arias Vilas.

18:30 h Táboa redonda: “Patrimonio arqueolóxico: os problemas da conservación, valorización turística e compatibilidade cos usos agrarios”.

19:00 h “Actuación de música e bailes galegos”, a cargo da A. C. Legua Dereita do Corgo.

Entregarase un libriño con información das rutas de sendeirismo a tod@s @s participantes nas V Xornadas sobre patrimonio.

domingo, 13 de junio de 2010

II CARREIRA POPULAR "ARUMES DO CORGO"

Despois do éxito da primeira edición, o 22 de agosto de 2010 (domingo) celebrouse pola mañá no concello do Corgo (en fronte do CEIP do Corgo) a segunda carreira popular pedestre "ARUMES DO CORGO".- Limiar

- Servizos para os participantes

- Categorías

- Circuítos

- Premios

- Inscrición:

- Normas para os participantes

- Divulgación:

- Gañadores

- Resultados da carreira absoluta


A XUNTA DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN CULTURAL ARUMES DO CORGO AGRADECE A TODOS OS PARTICIPANTES, ÁS PERSOAS COLABORADORES, ÁS INSTITUCIÓNS... O SEU APOIO PARA QUE A II CARREIRA POPULAR ARUMES DO CORGO RESULTARA UN ÉXITO. AGARDÁMOSVOS NA SEGUINTE EDICIÓN!!!


CLUB DE LECTURA: ENCONTRO COA AUTORA DE "ÁS DE BOLBORETA", ROSA ANEIROS


A Asociación Cultural Arumes do Corgo, despois do éxito do primeiro e segundo libro do club de lectura, "Limpeza de sangue" de Rubén Ruibal (Premio Nacional de Literatura) e "Cando petan na porta pola noite" de Xabier P. Docampo(Premio Nacional de Literatura), cuxos encontros cos autores se levaron a cabo no mes de agosto e decembro (respectivamente) con gran afluencia de público, comeza con gran ilusión esta terceira etapa do mesmo. Nesta ocasión o libro escollido é "Ás de bolboreta" de Rosa Aneiros co que obtivo o Premio Fundación Caixa Galicia 2009 ao mellor título de literatura xuvenil e o Premio The Withe Ravens (Internationale Jugend Bibliothek) no ano 2010 (ver resumo anexo).

O Club de lectura de Arumes comezou a funcionar a comezos de 2009 coa intención de dar lectura a un libro cada semestre (e así fomentar o consumo de literatura galega entre a poboación do Corgo e dos concellos limítrofes). A Asociación posúe un servizo de préstamo bibliotecario para os socios interesados e o encontro coa autora levarase a cabo o VENRES, 18 DE XUÑO DE 2010, no Centro Sociocultural do Corgo ás 20:00 h. Ese día todas as persoas interesadas terán a oportunidade de coñecer a faceta máis persoal e profesional de Rosa Aneiros.

Nacida en Meirás (Valdoviño) no 1976, Rosa Aneiros é unha das escritoras galegas actuais máis prolíficas da literatura galega. No 2009 resultou gañadora co premio Xerais de novela pola obra "Sol de Inverno". Actualmente traballa como xornalista dixital no Consello da Cultura Galega e colabora con numerosos medios de comunicación tanto impresos como dixitais.

INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DE MANUEL FERNÁNDEZ LÓPEZ "LOLO DE ANSEÁN" NA DEPUTACIÓN DE LUGO

O vindeiro, luns, 14 de xuño de 2010, ás 19:00 h, o noso compañeiro de asociación e membro da Xunta Directiva, Manuel Fernández López, "Lolo de Anseán", inaugura na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo a exposición de cerámica "AS CORES DA TERRA, AS CORES DO CEO". É importante a túa asistencia polo interese da exposición e tamén para arroupar ao noso compañeiro e veciño nun día tan importante.

NACEMENTO DE CORGA

O Centro de Estudos do Corgo (CEC) realizará a presentación do número 1 da revista Corga (revista de estudos científicos multidisciplinares de carácter anual sobre o concello do Corgo), o mércores, 2 de xuño de 2010, ás 20:00 h, na Sala que Sargadelos posúe na tenda de Santo Domingo.

O programa do mércores será o seguinte:
- "Apertura do acto" polo Vicepresidente Primeiro da Deputación de Lugo, Antón Bao Abelleira.
- "Presentación do Centro de Estudos do Corgo" pola presidenta do CEC, Mª Consuelo Vázquez Castro.
- "Presentación da revista Corga e en concreto da edición número 1" polo secretario do CEC, Roberto Rodríguez Páramo.
- "Estudo das Sepulturas Antropoides Altomedievais" (primeiro artigo da revista e do CEC) a cargo de Mario Outeiro Iglesias (vocal nº 1 do CEC).

Os artigos da revista foron presentados ao público corgués en dúas xornadas (de carácter aberto e gratuíto) de abril no Centro Sociocultural do Corgo cunha asistencia de público alta.

A revista do CEC (ver arquivo adxunto) foi maquetada por Grafinco e ten como ISSN 2171-6013 e Depósito Legal LU 149-2010. O primeiro número sae cunha tiraxe de 1000 exemplares e conta coa colaboración económica da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.

CONSELLO EDITORIAL (Xunta Directiva):
- Mª Consuelo Vázquez Castro (Presidenta)
- Manuel Fernández López (Vicepresidente)
- Roberto Rodríguez Páramo (Secretario)
- Josefa González Díaz (Tesoureira)
- Mario Outeiro Iglesias
- Xurxo Xosé Rodríguez Lozano
- Manuel Marqués Reija (Vocais)

COMITÉ CIENTÍFICO:
- Felipe Arias Vilas
- Javier Gómez Vila
- Xosé Manuel Castro Castedo
- Ruben Ruibal Armesto
- Ana Cabana Iglesia
- Emilio Carral Vilariño
- Daniel López Vispo
- Xoán Ramiro Cuba Rodríguez
- Antonio Reigosa Carreiras
- Xabier Bruña García
- Felipe-Senén López Gómez
- Manuel Lamas Castro
- Adolfo de Abel Vilela

ASESORÍA LINGUÍSTICA:
- Xabier Cordal Fustes

ASESORÍA TIC:
- Mario Outeiro Iglesias

ENCONTRO DE ASOCIACIÓNS

No día de onte, sábado, 29 de maio, tivo lugar o encontro anual, das Asociacións; Agrupación Instrutiva Caamouco (Redes), Arumes do Corgo, Arcas de Sárria e Amigos do Patrimonio.

Este ano correspondíalle organizar o encontro destas asociacións a Arcas de Sárria, o encontro tivo lugar en Samos e, seguidamente, de camiño a Triacastela, visita ao pazo de Lusío, coa explicación, de Xaime Félix, a quen lle damos as grazas por todas as súas explicacións e preocupacións ao logo do día e, que non imos comentar aquí, simplemente aludir á importancia deste enclave, berce de matemáticos, entre outros, salientar ao matemático Vázquez Queipo.

Desde aquí a Triacastela, comenzando a visita pola igrexa de Santiago, foto de grupo frente ao monumento a Santiago e comenzo do camiño que, entre Triacastela e San Cristovo do Real vai paralelo á estrada de Pedrafita do Cebreiro a Palas de Rei, polo que nese primeiro treito houbo que camiñar en ringleira, pois é estrada moi transitada polos camións que van para a cementeira do Oural, e por numerosos peregrinos. Dicir que levamos á esquerda o río Sárria pasamos pola PENA PARTIDA e a PONTE DE ALMIRÓN para volver a cruzar o río na fermosa aldea de SAN CRISTOVO, e xa na marxe dereita do río seguiremos por unha corredoira ata perto do Muiño de RENCHE. Despois de subir unha pequena costa chegamos á igrexa de Santiago de Renche, seguen uns metros pola estrada, e collemos outra baixada cara o río , que se atravesa na Ponte de LASTRES. Pasamos por esta aldea e por zona de fermosos prados chegando ao lugar de FREITUXE REAL, e cruzando de novo o río na Ponte de San Martiño do Real, subida ata a estrada , que se atravesa por un paso soterraño, e polas cortiñas de fóra da "Chousura", deixando á dereita a alta cerca do Mosteiro, desde aquí temos unha fermosa vista do MOSTEIRO DE SAMOS, chegamos a Samos por Outeiro e o barrio do Fontao e, desde aquí visita a capela do ciprés, onde nos valeu para xuntarnos, explicación de Xaime Félix do nacemento deste enclave e da vila de Samos e, seguidamente, foto de grupo nas escaleiras do Mosteiro e xantar.

Logo de comer intercambio de agasallos entre as Asociacións e a seguir unhas palabras de Xurxo, presidente de Arumes, onde comentou que para o vindeiro ano, serán eles os que asumen a organización, tamén Cacabelos, da Asoc. Instrutiva de Caamouco fixo referencia ao centenario (case nada, cen anos) que esta agrupación vai celebrar.

Pola tarde, visita ao Mosteiro de Samos e ao Mosteiro da Madalena de Sárria, despedida aos de Caamouco (Redes) e, a seguir vista á zona vella e Malecón Sárria.

Comentar que mentres se realizaron estas visitas, unha representación de Arcas, Arumes e Amigos do Patrimonio subimos á Parroquia do Hospital do Cebreiro, onde se estaba a render unha Homenaxe ao Padre Mato, facendo a entrega duns agasallos, dirixíndolle unhas palabras con motivo da celebración dos seus 27 anos de cura na montaña. Non imos facer aquí referencia ao acto, porque non era o noso compromiso de hoxe, simplemte, sumarnos á Homenaxe que, por outra parte podemos ver hoxe referencia na prensa.

Saúde.


Manolo Muñiz (presidente da A.C. de Amigos do Patrimonio de Castroverde)

PRESENTACIÓN DE TRABALLOS PARA ADQUISICIÓN DA CONDICIÓN DE SOCIO/A NUMERARIO/A DO CEC

O sábado, 17 de abril de 2010, ás 19:45 h no Centro Sociocultural do Corgo realizarase a presentación dos primeiros traballos de investigación co fin de acadar a condición de socio/a numerario/a. Cunha duración aproximada de 15-20 min, o programa de conferencias é o seguinte:

- Mario OUTEIRO IGLESIAS: Estudo das sepulturas antropoides altomedievais.
- Xosé Enrique CASANOVA SÁNCHEZ: Fórmulas de propiedade comunal dos montes do Corgo.
- Laura FOUZ BACARIZA: As cifras do concello do Corgo. Análise xeográfica.

A presentación de traballos continuará o seguinte sábado, 24 de abril de 2010, ás 19:45 h no Centro Sociocultural do Corgo. Os traballos a presentar son:

- Mº Beatriz PÁRAMO IGLESIAS e Roberto RODRÍGUEZ PÁRAMO: Jota tres estrellas.
- Javier GÓMEZ VILA: A vía romana no concello do Corgo.
- Rebeca FERNÁNDEZ ALONSO: Ánxel Fole e o concello do Corgo.
- Alejandra PITA PARDO: A microtoponimia do concello do Corgo.

miércoles, 21 de abril de 2010

IV XORNADAS DE OFICIOS ARTESANAIS: OS FERREIROS


DÍAS: 24 E 25 DE ABRIL

LUGAR: CENTRO SOCIOCULTURAL DO CORGO

HORARIO: DAS 11:00 ÁS 14:00 H E DAS 17:00 ÁS 20:00 H


DEMOSTRACIÓN A CARGO DO RECOÑECIDO FERREIRO ALBERTO LEIS VEIGA (ÁMBOLOS DOUS DÍAS)


EXPOSICIÓN PERMANENTE (MATERIAIS, FERRAMENTAS, PANEIS, AUDIOVISUAIS...)


COLABORA: VICEPRESIDENCIA 1º DA DEPUTACIÓN DE LUGO

miércoles, 17 de febrero de 2010

CURSO DE INICIACIÓN AO BAILE GALEGO

O martes, 2 de marzo de 2010 comezaremos un curso de iniciación ao baile galego en colaboración coa A.C. A Legua Dereita. As clases desenvolveranse todos os martes de 21:00 h a 22:00 h cun prezo para socios da A.C. Arumes do Corgo e da A.C A Legua Dereita de 15 € ao mes e para os non socios de 20 €. A profesora do curso é a corguesa Laura Fouz Bacariza que tamén da aulas de baile en María Castaña de Lugo, Legua Dereita do Corgo, Abrente das Nogais... SE ESTÁS INTERESADO PONTE EN CONTACTO CON ARUMES NO TELÉFONO 626739390.

CLUB DE LECTURA

O libro escollido para o club de lectura neste primeiro semestre de 2010 é “Ás de bolboreta” de Rosa Aneiros. Contamos facer o encontro coa autora cara o verán. Lembra que os socios poden pedir prestados libros da Biblioteca de Arumes.

ASEMBLEA XERAL ORDINARIA

O sábado, 13 de febreiro de 2010, ás 12:00 h celebrouse no Centro sociocultural do concello a Asemblea Xeral Ordinaria da A.C. Arumes do Corgo. A orde do día foi a seguinte:

1. Lectura da acta da Asemblea Xeral anterior e aprobación, se procede.

2. Memoria de actividades da Asociación no último ano.

3. Informe do tesoureiro e aprobación das contas do ano 2009.

4. Orzamento para o ano 2010.

5. Proposta, aberta, de actividades para o ano 2010.

6. Fundación do Club de Atletismo Arumes-Área 10.

7. Altas e baixas de socios/as.

8. Comunicados, rogos e preguntas.


Ao rematar a Asemblea os socios que quixeron (arredor de 40) desfrutaron dun xantar típico de entroido no restaurante "Playa" do Corgo e os máis atrevidos disfrazaronse para correr o entroido por diversos puntos do concello.

sábado, 6 de febrero de 2010

PRESENTACIÓN DO LIBRO "EL MAESTRO DE ZAÍN"


A Asociación ARUMES DO CORGO, dentro das súas actividades do ano 2009, presentou no Centro Sociocultural o libro de Mª Dolores Seijas Soto “O MESTRE DE ZAÍN”. A presentación estivo precedida por unha conferencia sobre Historia da Educación, a cargo de Xurxo Rodríguez Lozano (Presidente da A.C. ARUMES do Corgo e profesor de Lingua castelá e Lingua galega no CPI RAMÓN PIÑEIRO, de Láncara).

Con este acto, a Asociación quere homenaxear aos mestres galegos represaliados polo franquismo, representados na figura de Luis Soto Menor, protagonista do libro.

O conferenciante comenzou a charla coa seguinte presentación:

É unha enorme satisfacción para a Asociación Cultural Arumes do Corgo a presentación do libro “O mestre de Zaín”, de Mª Dolores Seijas Soto por varios motivos.

En primeiro lugar, porque é unha aportación máis para afondar no longo periodo de represión ao que se viron condenados moitos intelectuais e docentes despois da guerra civil, afrontada dende a perspectiva do paso dos anos, exenta de calquera tipo de revanchismo, pero firme no obxectivo de rescatar do anonimato ao que se viron condenadas as vidas de moitos deses intelectuais, como é, entre outras, a do seu avó LUIS SOTO MENOR.

En segundo lugar, porque Dolores forma parte da nosa Asociación e os estatutos de Arumes márcannos un camiño que é o de facer cultura e país. Polo tanto, é gratificante para nós que os nosos socios participen destes obxectivos. Resulta necesario abordar a nosa historia para aprender dela, poder seguir adiante e gañar o futuro.

En terceiro lugar, a min, como mestre, fillo dun mestre, tócame directamente na historia da miña profesión.

Por iso aceptei de bo grado a tarefa de presentar no Corgo este libro que me foi encomendada pola directiva da Asociación, que non é outra que aproveitar este acto para facer patente a nosa homenaxe particular a aqueles homes e mulleres que creron nunha renovación da educación para transformar a sociedade.

Moitos pagárono coa súa vida, outros co exilio ou co cárcere, e moitos outros, como Luis Soto, co seu fulminante cesamento e co esquecemento social.

Eu non son historiador, pero intentarei centrarme nalgúns momentos da nosa historia que foron importantes para a educación e, nomeadamente, no periodo do primeiro bienio republicano (1931-32) no que podemos encadrar unha importante parte do traballo do protagonista do libro.

Tamén será inevitable entrar no que veu despois de 1936.

Como remate, quero que sexa a autora do libro a que nos desvele por que sentiu a necesidade de escribilo e que foi descubrindo a medida que se centrou na investigación.


A continuación, deu unhas breves pinceladas sobre a educación anterior ao século XVIII para centrarse nos logros conseguidos neste século polas ideas da Ilustración e da Revolución Francesa (A educación como servizo público e os modelos liberal e xacobino).

Abordou despois a lexislación educativa a partir da Constitución de 1812, centrándose na Lei Moyano d 1857 e o intervencionismo eclesiástico na educación determinado polo Concordato de 1851.

Incidiu tamén no movemento pedagógico inspirado pola ESCOLA NOVA e A INSTITUCIÓN LIBRE DE ENSEÑANZA, destacando as figuras de Giner de los Ríos e Concepción Arenal, e establecendo unha comparación entre os principios que marcaban a Escola tradicional e os cambios aportados pola Escola Nova.

Pasou de seguido a analizar a situación do ensino a principios do século XX (Escolas da Igrexa, escolas do Estado, escolas de ferrado, fundacións de emigrantes e sociedades de instrucción pública).

A continuación, centrouse no modelo de Educación da República (1931), sinalando os logros conseguidos nesta época.

Sinalou que foi unha República de intelectuais na que conviviron persoas de diferentes xeracións (Ortega, Azaña, Machado, Lorca…) que consideraron a educación como unha cuestiónde Estado e que imprimiron un cambio radical de métodos no ensino e na formación dos mestres, verdadeiros artífices do cambio).

Sintetizou os principios deste modelo educativo que propugnaba Lorenzo Luzuriaga:

  • Escola única: Universal e reformada en extensión.
  • Escola activa: Reformas metodolóxicas e innovacións didácticas.
  • Escola pública: A cargo do Estado.
  • Escola laica : Á marxe da Igrexa.

Para o conferenciante, o modelo de profesor republicano segue a ser un referente en moitos aspectos na actualidade.

Neste contexto educativo republicano sitou a figura de LUIS SOTO MENOR, intelectual e profesional da educación que chegou a Lugo en 1914 como Inspector Xefe de E. Primaria. Frecuentou a tertulia doMéndez Núñez e foi articulista de xornáis e revistas pedagóxicas, onde asinaba como “o mestre de Zaín”, seudónimo que motivou o título do libro da súa neta Mª Dolores.

Como Inspector, organizou en Lugo varios Congresos pedagóxicos, con asistencia do propio Lorenzo Luzuriaga a un deles, organizou as Colonias Escolares, creou numerosas escolas na provincia e participo unas Misións pedagóxicas da República.

Era de afiliación política radical socialista, foi candidato a Deputado no ano 1933 e participou na redacción do Estatuto de Autonomía de Galiza.

O 31 de agosto de 1936 foi cesado fulminantemente do seu cargo. Pasou polo cárcere e sufriu penurias económicas que o obrigaron a desfacerse de moitas propiedades e mesmo a traballar como vendedor de membrillo e pimentón por distintos lugares da provincia.

Morreu en 1964 (uns meses antes foi restituido no seu cargo). A súa foi unha vida dura, separado do seu traballo e marcado socialmente durante moitos anos. Pero foi un home fiel ás súas ideas, ás que non renunciou nunca.

O Presidente de Arumes rematou a conferencia destacando os aspectos máis duros da represión franquista contra os mestres (encarcerados, exiliados, depurados, fusilados como Arximiro Rico, condenados ao exilio interior…) e facendo referencia ao famoso debuxo de Castelao (A derradeira lección do mestre).

Despois de comentar os aspectos máis significativos da escola da ditadura franquista pasoulle a palabra a Mª Dolores Seijas Soto, quen explicou as razóns que a levaron a escribir o libro, que resumiu na terrible inxustiza cometida co seu avó ao facerlle vivir unha vida apartada da súa profesión e a condena social a que se viu sometido. Con todo, lembrou o agradecemento de moitas persoas nos tempos difíciles a Luis Soto, coñecedores do traballo que tiña realizado pola educación na provincia.

Tamén explicou que polo libro pasan moitas anécdotas e personaxes lucenses da época.

A continuación, firmou exemplares do seu libro aos asistentes que o solicitaron.

miércoles, 20 de enero de 2010

ARUMES CONTRA O DECRETAZO DO GALEGO

A Asociación Cultural Arumes do Corgo como entidade membro da Plataforma QUEREMOS GALEGO anima aos seus socios (alumnos/as, pais, nais e profesores/as) a participar na folga do 21 de xaneiro contra o famoso "Decretazo contra o galego".

Dende ARUMES subscribimos totalmente as actividades que está a levar adiante a plataforma QUEREMOS GALEGO ante a maior agresión recibida polo noso idioma na historia da Democracia e animamos aos socios a participar activamente nos actos que a devandita plataforma organice na defensa do máis prezado ben deste pais.

A XUNTA DIRECTIVA