sábado, 24 de septiembre de 2011

III CARREIRA POPULAR "ARUMES DO CORGO"

Despois do éxito das dúas primeiras edicións, o 22 de outubro de 2011 (sábado) celebrarase pola tarde, no concello do Corgo (en fronte do CEIP do Corgo) a terceira carreira popular pedestre "ARUMES DO CORGO".


-
Limiar

V CERTAME LITERARIO "TERRAS DE CHAMOSO"

Por quinto ano consecutivo a Asociación Cultural Arumes do Corgo, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, quere premiar a todos os autores que expresen no papel os seus sentimentos empregando como ferramenta a lingua do país. Unha iniciativa pioneira no Corgo e nos concellos da contorna que debido á alta participación, á calidade dos traballos e á valía do xurado estase a converter nun certame literario recoñecido a nivel galego. As bases do certame son as seguintes:

1. Temática e idioma: A organización do certame non quere limitar a imaxinación dos autores. A única norma é que a obra se redacte en LINGUA GALEGA.
2. Categorías:
- CATEGORÍA INFANTIL (dos 10 aos 14 anos).
- CATEGORÍA XUVENIL (dos 14 aos 18 anos).
- CATEGORÍA ADULTOS (maiores de 18 anos).
3. Modalidades:
- POESÍA (de 30 a 60 versos).
- RELATO CURTO (de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo).
NOTA: A categoría infantil non ten límite de espazo inferior, pero si superior.
4. Presentación: cada participante poderá presentar varios traballos (non premiados noutros certames literarios). Entregaranse mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando a categoría, modalidade, título e pseudónimo e achegando nun sobre pechado a información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto. Remitiránse ao seguinte enderezo: A. C. Arumes do Corgo. Antigas escolas do Corgo s/n, 27.163 O Corgo (Lugo).
5. Prazo: o prazo de entrega rematará o día 23 de novembro de 2011.
6. Premios: para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º premio de poesía, e tamén 1º e 2º premio de relato.
Cada premio consiste nunha figuriña de cerámica do país, un lote de libros e o correspondente diploma.
7. Xurado: estará composto por membros da Xunta Directiva da Asociación, profesores de lingua galega e por profesionais de recoñecido prestixio do mundo das letras.
8. Entrega de premios: a cerimonia de entrega de premios realizarase o sábado, día 17 de decembro de 2011 no centro sociocultural do concello do Corgo acompañada de actuacións e de varias sorpresas.
9. Non premiados: Os traballos non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas no prazo dun mes despois do fallo, se os/as autores/as non o solicitan.
10. Outros: A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes. A Asociación Cultural Arumes resérvase todos os dereitos de publicación das obras premiadas (en papel, CD ou mediante internet).

Para calquera dúbida relacionada co certame literario chamar ao número de teléfono: 626739390.

NON TE RETIRES, VOLTA A XOGAR

O programa "Non te retires, volta a xogar", está pensado para que as persoas da terceira idade do Corgo manteñan unha boa condición física. Está organizado pola Vicepresidencia Primeira da deputación de Lugo e a Fundación Balogal coa colaboración da Asociación Cultural Arumes do Corgo.

Dende a A.C. Arumes do Corgo dámoslle unha importancia máxima aos nosos maiores. Encontrámonos cunha sociedade onde cada vez a esperanza de vida e maior e polo tanto este grupo de poboación medra ano a ano. Cun prantexamento inicial de dúas sesións semanais, dunha hora cada unha, buscaremos a mellora na calidade de vida dos participantes, a través de incidir nalgunhas das capacidades condicionais básicas:

- Flexibilidade: desglosada en mobilidade articular e elasticidade.

- Resistencia: non entendida na súa vertente de rendemento, senon nunha mellora da capacidade aeróbica de base, mediante un exercicio de baixa intensidade pero sostido no tempo.

- Forza: de novo pensada e enfocada a mellora da calidade de vida diaria. Un fortalecemento e tonificación da musculatura mais precisa no día a día, así coma a faixa lumbo-abdominal, e sempre deixando unha porta aberta as individualidades.

A maiores destas capacidades condicionais, os exercicios e o mesmo deseño das sesións queren maximizar o traballo cognitivo dos participantes así como a interactuación entre eles. Estes dous apartados son de igual importancia que os anteriores posto que nesta franxa de idade é cando aparecen nunha maior porcentaxe as problemáticas nos apartados cognitivos. Do mesmo xeito, pola distribución espacial dun concello coma o noso, creemos que é positivo favorecer as xuntanzas ao mesmo tempo que se fagan dunha maneira que potencie a intreractuación cos demais.

Os lugares onde se vai a executar o programa son:

- Antiga escola de Adai (non no centro sociocultural).

- Local social de Cela.

Inicialmente partiremos cun grupo en cada lugar (se hai un mínimo número de interesados) pero se a demanda é grande, poderíanse facer varios grupos en cada un dos locais anteriores.

O programa é totalmente gratuíto e durará 6 meses. Para anotarse ou solicitar máis información chamar ao 699170169 (Chelo).

CURSO E EXPOSICIÓN DE MICOLOXÍA

Chega o outono e os fungos comezan a aperecer no noso concello. Ademais de ser un bo complemento para a economía familiar, os fungos protagonizan ou acompañan os máis saborosos platos culinarios.


É por iso que dende a Asociación Cultural Arumes do Corgo organizamos un curso (teoría, saída ao monte, obradoiro de cociña...) e unha exposición de cogumelos, os días 29 (pola mañá e pola tarde) e 30 (só pola mañá) de outubro. O prezo do curso é de 10 € para os non socios e totalmente gratuíto para os socios de Arumes. O número de prazas é limitado a 20, por rigorosa orde de inscrición e tendo preferencia os socios. Para realizar a inscrición ou para ter información do programa (estará colgado na páxina web), chamar ao teléfono: 699170170 (Quique).

CLUB DE LECTURA: ENCONTRO CON ANTONIO REIGOSA

Como xa se comunicou con anterioridade, o autor escollido para esta quinta edición do club de lectura é o lucense Antonio Reigosa co libro “Memorias dun raposo” da Ed. Galaxia (144 pax., prezo: 9 €). Aínda temos pendente o encontro co autor, que se celebrará o venres, 30 de setembro, ás 20:15 h (xusto despois da Asemblea Xeral Extraordinaria), na antiga escola de Gomeán. O encontro co autor é unha oportunidade de ouro para saber máis do libro escollido e da biografía, interactuando co autor nun ambiente de proximidade único. Anímate a participar!

viernes, 15 de julio de 2011

"PALIMOCO TEATRO" NO CORGO

A A.C. Arumes do Corgo, o Centro de Estudos do Corgo (CEC) e a Área de Cultura e Turismo da deputación de Lugo organizan dúas actuacións do grupo "Palimoco Teatro" no concello do Corgo.
A actuación titulada "Queres que cho conte?" (integrada no proxecto "Cultura sobre rodas") é unha actividade interdisciplinar de gran calidade, na que se mestura dinamicamente a literatura oral, o teatro, a danza e a música, cun obxectivo común, achegar os contos tradicionais das nosas terras ao público infantil, dun xeito entretido e divertido.

O CORGO

- Lugar: Centro Sociocultural

- Data: mércores, 20 de xullo de 2011

- Hora: 11:30 h


CELA

- Lugar: Ponte de Neira (se o tempo é bo) ou Local Social de Cela (se o tempo non é tan bo)

- Data: xoves, 21 de xullo de 2011

- Hora: 19:30 h


EXCURSIÓN AO SALNÉS

Domingo, día 10 de xullo de 2011

PROGRAMA:

9:00 h Saída do autobús dende o Centro Sociocultural do Corgo.

11:30 h Parada en Cambados.

13:30 h Xantar en Meis na “XXI Festa dos Callos do Mosteiro”.

17:00 h Saída para a Illa de Arousa con parada opcional na zona das praias ou na vila.

20:00 h Regreso.

22:30 h Chegada (aproximada) ao Corgo (Centro Sociocultural).

CUSTO:

15 € (inclúe autobús, unha ración de callos e unha cunca e cazola de barro).

RESERVA:

Aqueles interesados en participar na viaxe teñen que chamar antes do martes, día 5 de xullo de 2011 pola tarde ao móbil: 616796467 ou 699170169.

viernes, 10 de junio de 2011

PRESENTACIÓN DO LIBRO RECOMPILATORIO "TERRAS DE CHAMOSO"

O xoves, día 9 de xuño de 2011, ás 21:00 h no Centro Sociocultural do Corgo, a Asociación Cultural Arumes do Corgo presentou o libro recompilatorio das tres primeiras edicións do Certame Literario “Terras de Chamoso”.

O programa do acto foi:
  • 21:00 h Apertura do acto coa intervención de D. Xurxo Xosé Rodríguez Lozano, presidente da A.C. Arumes do Corgo, que presentou os fins e as actividades da entidade organizadora.
  • 21:15 h Intervención de D. Mario Outeiro Iglesias, secretario da A.C. Arumes do Corgo, que fixo un repaso histórico do Certame Literario Terras de Chamoso: bases, participación, xurado...
  • 21:30 h Recital de poesía a cargo de gañadores e xurado do Certame Literario Terras de Chamoso.
  • 21:45 h Peche do acto.

Agasallouse cun exemplar a todos os asistentes.




martes, 7 de junio de 2011

PRESENTACIÓN DA CORGA Nº 2 EN SARGADELOS

O día 6 de xuño presentouse na Galería Sargadelos de Lugo, ás 20:00 h o número 2 da revista Corga do Centro de Estudos do Corgo.


A orde de intervencións foi a seguinte:
  • Mª Consuelo Vázquez Castro (presidenta do CEC): "Apertura do acto e presentación dos fins e actividades do Centro de Estudos do Corgo".
  • Roberto Rodríguez Páramo (secretario do CEC): "A revista Corga".
  • Javier Gómez Vila (socio do CEC): "O Camiño Real de acceso a Galicia e a súa pegada nas Terras do Corgo".

viernes, 27 de mayo de 2011

ENCONTRO DE ASOCIACIÓNS

O sábado, día 18 de xuño de 2011, celebrarase o IV encontro de asociacións culturais galegas no que participan A.C. de Amigos do Patrimonio de Castroverde, A.C. Arcas de Sarria, Agrupación Instructiva de Redes-Caamouco, exercendo a A.C. Arumes do Corgo de entidade anfitriona. O programa da xornada é o seguinte:

8:45 h Saída do autobús da A.C. Arumes do Corgo dende o campo da feira de Adai.

9:15 h Recepción das asociacións participantes no aparcadoiro da Casa Grande de Nadela.

9:30 h Comezo da ruta de sendeirismo de 12 km pola ribeira do Río Miño sendo os puntos de maior interese os seguintes: Insua de Burneiros e caneiro para a pesca, desembocadura do río Chamoso, ponte e muíño da Foz, muíño e fraga da Fervenza e desembocadura do río Neira. Comentarios explicativos a pé de ruta.

14:00 h Visita á Ponte de Neira.

14:30 h Xantar de confraternización no local social de Cela: polbo á feira, churrasco de tenreira, bebida, postre e café. Prezo aproximado: 17 €.

16:30 h Visita aos monumentos máis senlleiros do Corgo: O Castrillón, Casas Grandes do Corgo e Adai.

18:00 h Actuación de Cándido Pazó co espectáculo “Cunqueiradas”.

19:00 h Actuación de música e baile tradicional a cargo da A.C. A Legua Dereita.

19:30 h Despedida.


Se está interesado en participar na xornada chame ao 626739390 antes do día 13 de xuño.

PRESENTACIÓN DO LIBRO RECOMPILATORIO "TERRAS DE CHAMOSO"

Presentación do libro recompilatorio das tres primeiras edicións do Certame Literario “Terras de Chamoso” o xoves, día 9 de xuño de 2011, ás 21:00 h no Centro Sociocultural do Corgo. Agasallaremos cun exemplar a todos os asistentes.



PRESENTACIÓN DO 2º NÚMERO DA REVISTA CORGA

O luns, día 6 de xuño de 2011, o Centro de Estudos do Corgo (CEC), en colaboración coa A.C. Arumes do Corgo, realizará a presentación do número 2 da revista Corga na Galería Sargadelos de Lugo (sita na praza de Santo Domingo nº 4) ás 20:00 h. Animámoste a asistir así como que convides aos teus achegados.

V LIBRO DO CLUB DE LECTURA

O autor escollido para esta quinta edición do club de lectura é o lucense Antonio Reigosa co libro “Memorias dun raposo” da Ed. Galaxia (144 pax., prezo: 9 €).

Os socios interesados poden adquirilo eles mesmos nas librarías, encargalos mediante a asociación ou pedilos prestados da biblioteca (ambalas dúas cousas no teléfono 626739390).

O encontro co autor levarase a cabo a finais do verán nunha data por concretar.

miércoles, 30 de marzo de 2011

COÑECEMOS O CORGO IV

O sábado, 16 de abril de 2011, celebrarase o cuarto ciclo de conferencias arredor do concello do Corgo no Centro Sociocultural do Corgo ás 20:00 h. Nesta ocasión os relatorios serán:

  • Xosé Manuel CASTRO CASTEDO: “O galego en Queizán. Vocalismo, consonantismo e fonética sintáctica”.
  • Jesús ABUÍN ARIAS e Josefa GONZÁLEZ DÍAZ: “O pazo do corgo”.
  • José Luis GARROSA GUDE: “O traballo compilador de Francisco Vázquez Saco: as oracións de elaboración do pan e outras tradicións orais do Corgo”.
  • Mario OUTEIRO IGLESIAS: “Recollida do patrimonio inmaterial no Corgo: unha materia pendente”.

domingo, 20 de marzo de 2011

COÑECEMOS O CORGO III

O sábado, 2 de abril de 2011, o Centro de Estudos do Corgo coa colaboración de Arumes, organiza o terceiro ciclo de conferencias arredor do concello do Corgo no Centro Sociocultural do Corgo ás 20:00 h. En quendas de 15-20 minutos os temas a tratar son:

  • Javier GÓMEZ VILA: “O camiño real de acceso a Galicia e a súa pegada nas Terras do Corgo”.
  • Juan ORTIZ SANZ e Miguel Ángel PIÑEIRO GÓMEZ: “Catalogación de construcións rurais tradicionais. Os hórreos no concello do Corgo”.
  • José Manuel BLANCO PRADO: “O santuario da Virxe das Virtudes (Pedrafita)”.
Con esta exposición, e todo o traballo previo, os relatores poderán acadar a condición de Socio Numerario do Centro de Estudos do Corgo.

Ver páxina web do Centro de Estudos do Corgo.

ENCONTRO CON PACO MARTÍN

O venres, 18 de marzo de 2011, celebrouse no centro sociocultural do Corgo, ás 22:00 h, o encontro co escritor Paco Martín, autor de "Das cousas de Ramón Lamote" e "Das novas cousas de Ramón Lamote". O IV encontro co autor do Club de lectura da A.C. Arumes do Corgo desenvolveuse con gran éxito de asistencia (preto dunha trintena de lectores).

A xornada, que dirixiu Roberto Rodríguez Páramo (vocal de Arumes), constou dunha presentación biográfica do autor, a presentación da obra elixida, unha pequena entrevista, para posteriormente abrir o acto aos asistentes que participaron masivamente con preguntas relativas á obra protagonizada por Ramón Lamote e á vida do Premio Nacional de Literatura, Paco Martín.


O encontro, que se demorou dúas horas, rematou coa sinatura de exemplares e a entrega dun agasallo de cerámica, realizada polo noso querido Lolo de Anseán.

CONCERTO DE SOLO VOCES

O sábado, día 12 de marzo celebrouse na Igrexa Parroquial do Corgo un concerto de música coral a cargo de Solo Voces baixo o lema de "Dous séculos de música lucense". O acto, organizado pola A.C. Arumes do Corgo e baixo a colaboración económica da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo contou cunha importante participación veciñal, enchéndose a igrexa. Durante hora e media o grupo coral lucense interpretou pezas de músicos estreitamente vinculados coa nosa provincia como Xoán Montes, Pascual Veiga, J.A. Moreno Fuentes...


A continuación os asistentes puideron gozar duns pinchos no centro sociocultural.

jueves, 10 de marzo de 2011

CLUB DE LECTURA: ENCONTRO CO AUTOR DE "DAS COUSAS DE RAMÓN LAMOTE", PACO MARTÍN

A Asociación Cultural Arumes do Corgo, despois do éxito dos tres primeiros libros do club de lectura:
  • "Limpeza de sangue" de Rubén Ruibal (Premio Álvaro Cunqueiro no 2005 e Nacional de Literatura no 2007): agosto de 2009.
  • "Cando petan na porta pola noite" de Xabier P. Docampo (Premio Nacional de Literatura no 1995): decembro de 2009.
  • "Ás de bolboreta" de Rosa Aneiros (Premio Fundación Caixa Galicia no 2009 e The Withe Ravens no 2010): xuño de 2010.
afronta con gran ilusión esta cuarta etapa do mesmo. Nesta ocasión o libro escollido é "Das cousas de Ramón Lamote" (1985) do lucense Paco Martín co que obtivo o Premio Nacional de literatura infantil en 1986 e unha mención na lista de The Withe Ravens. Dun xeito opcional os socios tamén teñen a oportunidade de ler e comentar o libro "Das novas cousas de Ramón Lamote" (2010), por ser unha continuación do primeiro.


O Club de lectura de Arumes comezou a funcionar a comezos de 2009 coa intención de dar lectura a un libro cada semestre (e así fomentar o consumo de literatura galega entre a poboación do Corgo e dos concellos limítrofes). A Asociación posúe un servizo de préstamo bibliotecario para os socios interesados e o encontro coa autor levarase a cabo o VENRES, 18 DE MARZO DE 2011, no Centro Sociocultural do Corgo ás 20:00 h. Ese día todas as persoas interesadas terán a oportunidade de coñecer a faceta máis persoal e profesional de Paco Martín.

Nacido en Recatelo (Lugo) no 1940, Paco Martín exerceu de mestre de educación primaria durante catro décadas ata a súa xubilación no 2000. Do que nunca se retirou foi do mundo das letras converténdose nun dos máis grandes escritores da literatura infantil e xuvenil galega. Paco Martín tamén destacou no mundo da etnografía con diversas publicacións, así como a súa faceta de columnista en varios xornais galegos. Recibiu tamén os premios "O Barco de Vapor" no 1984 e o "Puro Cora" de xornalismo no 1994.

XANTAR DE ENTROIDO

O sábado, 5 de marzo de 2011, a Asociación Cultural Arumes do Corgo celebrou o típico cocido de entroido no restaurante Madrid do Corgo. Preto de 40 persoas (socios e achegados) puideron degustar os manxares típicos de entroido butelo, cachola, grelos, chourizo... e por suposto as orellas do porco e as orellas doces de sobremesa.


ASEMBLEA XERAL ORDINARIA

O sábado, 5 de marzo de 2011, ás 12:30 h celebrouse na antiga escola de Gomeán a Asemblea Xeral Ordinaria da A.C. Arumes do Corgo. A orde do día foi a seguinte:
  1. Lectura da acta da Asemblea Xeral anterior e aprobación, se procede.
  2. Memoria de actividades do ano 2010.
  3. Informe do tesoureiro e aprobación das contas do ano 2010.
  4. Proposta, aberta, de actividades para o ano 2011.
  5. Orzamento para o ano 2011.
  6. Altas e baixas de socios/as.
  7. Comunicados, rogos e preguntas.

CONCERTO DO GRUPO VOCAL “SOLO VOCES”

A Asociación Cultural Arumes do Corgo organiza para o vindeiro sábado, 12 de marzo de 2011, na Igrexa Parroquial de San Xoán do Corgo, ás 20:00 h o concerto do grupo vocal lucense “Solo Voces” co título de “Dous séculos de música lucense”. Baixo a dirección de Fernando G. Jácome e co apoio económico da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, a coral lucense interpretará pezas de Xoán Montes, Pascual Veiga, J.A. Moreno Fuentes entre outros (ver díptico). O CONCERTO É GRATUÍTO E ABERTO A TODO O PÚBLICO INTERESADO.

Preme aquí para ver o programa

Prema aquí para ver unha imaxe de situación da igrexa do Corgo

sábado, 8 de enero de 2011

MIRADAS. "REALIDADES, EXPRESIÓNS, TRAMAS"

Dá comezo a terceira mostra do proxecto expositivo ‘Miradas’ na cidade lucense, baixo o título “Realidades, expresións, tramas”. A destacada comisaria Iria Candela proponnos unha nova mirada á arte galega contemporánea que se inclúe nos fondos da Colección Caixa Galicia, revisando con ela unha ampla escolma de obras das tres últimas décadas, imprescindibles na devandita colección e no eido da arte galega. Artistas xenuínos do noso territorio reúnense na mostra que a Asociación Cultural Arumes do Corgo visitará con guía o martes, 11 de xaneiro de 2011, no Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia de Lugo (fondo da praza maior), ás 20:00 h da noite.

CONTAMOS CONTIGO! SÓ TES QUE ESTAR ANTES DAS 20:00 H DIANTE DA PORTA PRINCIPAL DO EDIFICIO DA FUNDACIÓN CAIXA GALICIA DO FONDO DA PRAZA MAIOR!