Mostrando entradas con la etiqueta club de lectura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta club de lectura. Mostrar todas las entradas

sábado, 24 de septiembre de 2011

CLUB DE LECTURA: ENCONTRO CON ANTONIO REIGOSA

Como xa se comunicou con anterioridade, o autor escollido para esta quinta edición do club de lectura é o lucense Antonio Reigosa co libro “Memorias dun raposo” da Ed. Galaxia (144 pax., prezo: 9 €). Aínda temos pendente o encontro co autor, que se celebrará o venres, 30 de setembro, ás 20:15 h (xusto despois da Asemblea Xeral Extraordinaria), na antiga escola de Gomeán. O encontro co autor é unha oportunidade de ouro para saber máis do libro escollido e da biografía, interactuando co autor nun ambiente de proximidade único. Anímate a participar!

viernes, 27 de mayo de 2011

V LIBRO DO CLUB DE LECTURA

O autor escollido para esta quinta edición do club de lectura é o lucense Antonio Reigosa co libro “Memorias dun raposo” da Ed. Galaxia (144 pax., prezo: 9 €).

Os socios interesados poden adquirilo eles mesmos nas librarías, encargalos mediante a asociación ou pedilos prestados da biblioteca (ambalas dúas cousas no teléfono 626739390).

O encontro co autor levarase a cabo a finais do verán nunha data por concretar.

domingo, 20 de marzo de 2011

ENCONTRO CON PACO MARTÍN

O venres, 18 de marzo de 2011, celebrouse no centro sociocultural do Corgo, ás 22:00 h, o encontro co escritor Paco Martín, autor de "Das cousas de Ramón Lamote" e "Das novas cousas de Ramón Lamote". O IV encontro co autor do Club de lectura da A.C. Arumes do Corgo desenvolveuse con gran éxito de asistencia (preto dunha trintena de lectores).

A xornada, que dirixiu Roberto Rodríguez Páramo (vocal de Arumes), constou dunha presentación biográfica do autor, a presentación da obra elixida, unha pequena entrevista, para posteriormente abrir o acto aos asistentes que participaron masivamente con preguntas relativas á obra protagonizada por Ramón Lamote e á vida do Premio Nacional de Literatura, Paco Martín.


O encontro, que se demorou dúas horas, rematou coa sinatura de exemplares e a entrega dun agasallo de cerámica, realizada polo noso querido Lolo de Anseán.

jueves, 10 de marzo de 2011

CLUB DE LECTURA: ENCONTRO CO AUTOR DE "DAS COUSAS DE RAMÓN LAMOTE", PACO MARTÍN

A Asociación Cultural Arumes do Corgo, despois do éxito dos tres primeiros libros do club de lectura:
  • "Limpeza de sangue" de Rubén Ruibal (Premio Álvaro Cunqueiro no 2005 e Nacional de Literatura no 2007): agosto de 2009.
  • "Cando petan na porta pola noite" de Xabier P. Docampo (Premio Nacional de Literatura no 1995): decembro de 2009.
  • "Ás de bolboreta" de Rosa Aneiros (Premio Fundación Caixa Galicia no 2009 e The Withe Ravens no 2010): xuño de 2010.
afronta con gran ilusión esta cuarta etapa do mesmo. Nesta ocasión o libro escollido é "Das cousas de Ramón Lamote" (1985) do lucense Paco Martín co que obtivo o Premio Nacional de literatura infantil en 1986 e unha mención na lista de The Withe Ravens. Dun xeito opcional os socios tamén teñen a oportunidade de ler e comentar o libro "Das novas cousas de Ramón Lamote" (2010), por ser unha continuación do primeiro.


O Club de lectura de Arumes comezou a funcionar a comezos de 2009 coa intención de dar lectura a un libro cada semestre (e así fomentar o consumo de literatura galega entre a poboación do Corgo e dos concellos limítrofes). A Asociación posúe un servizo de préstamo bibliotecario para os socios interesados e o encontro coa autor levarase a cabo o VENRES, 18 DE MARZO DE 2011, no Centro Sociocultural do Corgo ás 20:00 h. Ese día todas as persoas interesadas terán a oportunidade de coñecer a faceta máis persoal e profesional de Paco Martín.

Nacido en Recatelo (Lugo) no 1940, Paco Martín exerceu de mestre de educación primaria durante catro décadas ata a súa xubilación no 2000. Do que nunca se retirou foi do mundo das letras converténdose nun dos máis grandes escritores da literatura infantil e xuvenil galega. Paco Martín tamén destacou no mundo da etnografía con diversas publicacións, así como a súa faceta de columnista en varios xornais galegos. Recibiu tamén os premios "O Barco de Vapor" no 1984 e o "Puro Cora" de xornalismo no 1994.

domingo, 13 de junio de 2010

CLUB DE LECTURA: ENCONTRO COA AUTORA DE "ÁS DE BOLBORETA", ROSA ANEIROS


A Asociación Cultural Arumes do Corgo, despois do éxito do primeiro e segundo libro do club de lectura, "Limpeza de sangue" de Rubén Ruibal (Premio Nacional de Literatura) e "Cando petan na porta pola noite" de Xabier P. Docampo(Premio Nacional de Literatura), cuxos encontros cos autores se levaron a cabo no mes de agosto e decembro (respectivamente) con gran afluencia de público, comeza con gran ilusión esta terceira etapa do mesmo. Nesta ocasión o libro escollido é "Ás de bolboreta" de Rosa Aneiros co que obtivo o Premio Fundación Caixa Galicia 2009 ao mellor título de literatura xuvenil e o Premio The Withe Ravens (Internationale Jugend Bibliothek) no ano 2010 (ver resumo anexo).

O Club de lectura de Arumes comezou a funcionar a comezos de 2009 coa intención de dar lectura a un libro cada semestre (e así fomentar o consumo de literatura galega entre a poboación do Corgo e dos concellos limítrofes). A Asociación posúe un servizo de préstamo bibliotecario para os socios interesados e o encontro coa autora levarase a cabo o VENRES, 18 DE XUÑO DE 2010, no Centro Sociocultural do Corgo ás 20:00 h. Ese día todas as persoas interesadas terán a oportunidade de coñecer a faceta máis persoal e profesional de Rosa Aneiros.

Nacida en Meirás (Valdoviño) no 1976, Rosa Aneiros é unha das escritoras galegas actuais máis prolíficas da literatura galega. No 2009 resultou gañadora co premio Xerais de novela pola obra "Sol de Inverno". Actualmente traballa como xornalista dixital no Consello da Cultura Galega e colabora con numerosos medios de comunicación tanto impresos como dixitais.

miércoles, 17 de febrero de 2010

CLUB DE LECTURA

O libro escollido para o club de lectura neste primeiro semestre de 2010 é “Ás de bolboreta” de Rosa Aneiros. Contamos facer o encontro coa autora cara o verán. Lembra que os socios poden pedir prestados libros da Biblioteca de Arumes.

sábado, 28 de noviembre de 2009

CLUB DE LECTURA

Dado o gran éxito do Club de lectura do primeiro semestre, a A.C. Arumes do Corgo enfronta con gran ilusión esta segunda edición. O libro escollido é “Cando petan na porta pola noite” de Xabier P. Docampo (Premio Nacional de Literatura Infantil). Se está interesado en participar póñase en contacto coa Asociación co fin de adquirir o libro ou empregar o servizo de préstamo da Asociación. O encontro co autor será o sábado, 12 de decembro de 2009 ás 19:00 h, no Centro Sociocultural do Corgo, co fin de que preguntedes ao autor todo o que vos pareza interesante tanto do libro, como da enorme obra literaria como da súa vida como literato.

sábado, 18 de julio de 2009

CLUB DE LECTURA: ENCONTRO CO AUTOR

O xoves, 27 agosto de 2009, ás 21:00 h no centro sociocultural do Corgo mantivemos o encontro co autor de "Limpeza de sangue" (Xerais): Rubén Ruibal. Despois dunha breve presentación (do autor e do libro) e entrevista persoal para coñecer mellor ao autor do primeiro libro do club de lectura, os asistentes tiveron a oportunidade de preguntar e comentar todas aquelas dúbidas, inquedanzas e sensacións que lles provocara o libro.



Rubén, socio da Asociación Cultural Arumes do Corgo, recibiu con esa obra o premio Álvaro Cunqueiro no ano 2005 e o Premio Nacional de Literatura Dramática no 2007.

viernes, 10 de abril de 2009

CLUB DE LECTURA: LIMPEZA DE SANGUE DE RUBÉN RUIBAL


Na Asemblea Xeral Ordinaria do 28 de marzo aprobouse a creación dun Club de Lectura no seo da Asociación Cultural Arumes do Corgo. A idea inicial do Club é a lectura individualizada, con posterior encontro co autor, cunha periodicidade semestral.

Inauguramos o Club coa lectura da obra "Limpeza de sangue" do autor "Rubén Ruibal" (editorial Xerais). Rubén, socio da Asociación Cultural Arumes do Corgo, recibiu con esa obra o premio Álvaro Cunqueiro no ano 2005 e o Premio Nacional de Literatura Dramática no 2007.

O encontro co autor (aberto a todos os públicos) realizarase en torno ao verán de 2009 e para a lectura da obra as persoas interesadas poden acollerse ás seguintes opcións:

- Servizo de préstamo da biblioteca da Asociación (só para socios).
- Compra do libro a través da Asociación (pódense conseguir descontos ao mercar máis exemplares).
- Compra do libro de forma individual.

Se estás interesado en participar no Club de Lectura ponte en contacto coa Asociación:

- Teléfonos: 699170169, 616796467 e 669675756.